Inicio Galicia Feijóo destaca a aposta da sanidade pública galega polo diagnóstico precoz, a...

Feijóo destaca a aposta da sanidade pública galega polo diagnóstico precoz, a análise de datos e a innovación para seguir loitando cada vez con máis éxito contra o cancro

0

Asevera que cada vez son máis os que superan esta enfermidade, o que insufla forza e esperanza a todos para seguir loitando: aos xestores sanitarios, aos médicos, aos pacientes, aos investigadores e, en definitiva, a toda a sociedade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Sanidade Pública Galega polo diagnóstico precoz, a análise de datos e a innovación tecnolóxica para seguir loitando cada vez con máis éxito contra o cancro.

Durante a celebración do II Symposium Nacional Datos da Vida Real RWD en oncoloxía, Feijóo subliñou que, como proba dese compromiso na loita contra o cancro, o Servizo Galego de Saúde destina unha parte importante do seu orzamento a combater esta enfermidade que é a segunda causa de mortalidade global tras as enfermidades cardiovasculares. “E cada vez aumenta máis a supervivencia e a calidade de vida das persoas con cancro, e cada vez son máis os que a superan”, aseverou, ao que engadiu que este feito insufla forza e esperanza a todos para seguir loitando: aos xestores sanitarios, aos médicos, aos pacientes, aos investigadores e, en definitiva, a toda a sociedade.

Nesta liña, expuxo que un dos elementos máis potentes contra o cancro é a prevención, destacando a importancia dos programas de cribado, tanto do cancro de mama como do de colon e recto. Non en van, o primeiro –que xa cumpriu 25 anos- alcanza preto de 373.000 galegas de entre 50 e 69 anos.

Así mesmo, se os programas de cribado son importantes, o titular da Xunta referiuse tamén á importancia das vías rápidas, que axilizan a atención e aumentan a efectividade e a eficiencia das actuacións nos pacientes con sospeita de patoloxía grave.

Ao respecto, o tempo de derivación desde o profesional de medicina de atención primaria ao especialista do hospital foi, a decembro de 2017, de 5,9 días: case un día menos de espera media que en 2016.

Ademais, as vías rápidas para pacientes con sospeita de proceso oncolóxico para cáncer de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cabeza, pescozo e melanoma están implantadas en todas as áreas sanitarias de Galicia. “Porque o obxectivo da Xunta sempre foi e será o mesmo: que todos os galegos, independentemente da zona na que vivan, dispoñan dos mesmos servizos. Así, durante o pasado ano, beneficiáronse das vías rápidas 17.181 pacientes, un 28,74% máis que en 2016.

Innovación tecnolóxica e compromiso de todos os profesionais do SergasNo eido da innovación tecnolóxica, Feijóo recordou o importante esforzo de renovación e actualización do equipamento de alta tecnoloxía, cun investimento de 88 millóns de euros en oito anos. Un investimento que permitiu, entre outras cousas, a incorporación das técnicas de imaxe diagnóstica á planificación dos tratamentos de radioterapia; os modernos sistemas de planificación do tratamento, que permiten administrar, mediante a radioterapia conformada 3D e a radioterapia de intensidade modulada, doses máis altas de irradiación ao tumor e doses máis baixas ao tecido san circundante. E, en terceiro lugar, os aceleradores lineais de última xeración, que permiten administrar as doses de irradiación dunha forma máis rápida, segura e precisa.

Durante o acto, Feijóo tivo tamén palabras de agradecemento para o traballo e o compromiso de todos os profesionais do Sergas nesta materia. “Os profesionais sanitarios seguides sendo a pedra angular na loita contra o cancro”, dixo, aseverando que todos eles ofrecen aos galegos a mellor sanidade.

O responsable do Executivo galego incidiu ademais na importancia de reunir e analizar os resultados dos tratamentos empregados: para tomar decisións acertadas nos distintos niveis do sistema sanitario; e, en segundo lugar, para orientar adecuada e racionalmente a investigación e a innovación na loita contra o cancro.“Non podemos separar o cancro da persoa que o padece, así como tampouco podemos coñecer con total precisión a realidade desta enfermidade se non recompilamos e analizamos os resultados dos tratamentos empregados para combatela”, afirmou, resaltando que para iso, o Sergas conta coa historia clínica electrónica, unha das principais fontes de datos de vida real na asistencia sanitaria.

A evolución positiva da sanidade pública galegaO presidente da Xunta fixo fincapé tamén na mellora da situación sanitaria en Galicia con respecto a 2008. Neste senso, destacou que daquela a Xunta destinaba á sanidade un 35,7% (3.532 millóns de euros) do total dos Orzamentos autonómicos, fronte ao 40,7% (3.748 millóns) que destina nas contas de 2018. Ademais, incidiu en que Galicia contaba con 36.506 profesionais daquela, mentres que hoxe en día conta con 38.050, e dispoñía de 191 quirófanos, fronte aos 263 de hoxe. Así mesmo, apuntou que na actualidade a cifra de intervencións cirúrxicas anuais é de 205.277, fronte ás 175.510 intervencións de 2008; e que a espera media cirúrxica de prioridade 1 é de 18,1 días, fronte aos 40,1 días que había que agardar en 2008.

Esta melloría progresiva dos principais indicadores da sanidade pública galega tamén é unha realidade no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, de feito así o constatou o titular do Goberno galego despois do acto nunha reunión co equipo directivo deste hospital público, liderado polo xerente Julio García Comesaña, á que asistiu acompañado do conselleiro de Sanidade.


- Te recomendamos -