O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, inaugurou a xornada formativa, á que asistiron máis de 70 técnicos
A sede do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral na Coruña (ISSGA) acolle no día de hoxe a primeira xornada técnica de aplicación práctica da seguridade e saúde laboral no sector dos drons aéreos, que foi inaugurada polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.
A xornada permitiu analizar o marco xurídico aplicable a esta ferramenta aérea, coñecer os proxectos CIAR e FÉNIX do Ministerio de Defensa ou a utilización de drons na supervisión das medidas de seguridade en grandes obras públicas e no mantemento de liñas de alta tensión. Así mesmo, os participantes puideron asistir a unha simulación dunha inspección con dron aplicada ás emerxencias, que impartiron técnicos da AXEGA.
Esta xornada forma parte do Plan de Actividades Formativas do ISSGA para 2018, que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos, coa que se prevé chegar a 1200 persoas. Este plan, ademais de incluír formación xa clásica, como poden ser os cursos básicos en riscos laborais ou as accións destinadas a colectivos como o do mar, o forestal ou o da construción, conta tamén con outras actividades novidosas e pioneiras, como este curso sobre a aplicación práctica en materia de seguridade e saúdes laboral do uso de Drons.
A loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta de Galicia, que traballa neste eido seguindo as medidas recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, consensuada coas organizacións sociais.
Un dos seus principais obxectivos é o de ofertar e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega. Outros retos son tamén mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes e fomentar programas en sectores de alta sinistralidadeNa súa intervención, o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que a través destas xornadas, o ISSGA dá resposta aos cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais de sectores relacionados coas novas tecnoloxías, que crean á súa vez novos instrumentos para as empresas, como poden ser os Drons.
- Te recomendamos -