O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións coa seguridade como centro do debate
A Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións aprobou na súa reunión celebrada hoxe o proxecto de ditame sobre o “Plan de acción para contribuír á protección dos espazos públicos”. Galicia, representada polo director de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, defendeu unha maior cooperación en materia de seguridade, apostando por a creación dun Foro de Profesionais e pola posta en marcha dunha rede de Seguridade de Alto Risco, que funcione como plataforma de formación, para favorecer o intercambio de boas prácticas na loita contra o terrorismo.
A mellora da cooperación entre os actores locais e o sector privado tamén foi discutida. Así, os membros do Comité mostráronse favorables á organización dun Foro de Operadores para fomentar as colaboracións público-privadas; involucrando a operadores coma os centros comerciais, organizadores de concertos, centros de deporte ou compañías de aluguer de coches. Neste contexto, a implicación das autoridades locais e rexionais reforzarase a través dunha reunión de alto nivel dedicada ao intercambio de boas prácticas na xestión dos espazos públicos.
Estas medidas forman parte da Axenda de Seguridade Europea presentada polo Executivo comunitario en resposta aos ataques terroristas que teñen como foco principal os espazos públicos con moita afluencia de persoas. Os representantes dos entes locais e rexionais celebraron o aumento do apoio financeiro por parte da Comisión con 18,5 millóns de euros destinados a proxectos transnacionais que melloren a protección dos espazos públicos e máis de 100 millóns de euros adicionais, procedentes do programa Urban de Accións Innovadoras, que se destinarán no 2018 a seguir apoiando as inversións feitas polas cidades en materia de seguridade.
Reflexionar sobre Europa A reunión tamén serviu para intercambiar opinións sobre “Reflexionar sobre Europa” un debate que pretende, mediante o impulso de consultas públicas, cambiar a percepción e aumentar o interese dos cidadás sobre o proxecto europeo. Os líderes locais e rexionais buscan, mediante consultas, en liña e persoais, e a organización de eventos, comprender como poñer en práctica a Europa que queren os cidadás e mellorar o funcionamento das institucións.
Jesús Gamallo foi o primeiro en intervir neste debate, destacando a importancia de ter “unha Europa forte e unida” que non pode existir se é mal percibida polos cidadáns. Para resolver esta situación paradoxal Gamallo apuntou á necesidade de establecer un vínculo cos cidadás e utilizar ás cidades e rexións coma laboratorios de novas ideas, que escoiten de preto as prioridades da súa xente. “É a nosa misión como membros da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores cambiar as percepcións negativas”, apuntou.
No marco do proxecto “Reflexionar sobre Europa”, lanzado tras a publicación por parte da Comisión Europea do Libro Blanco sobre o Futuro de Europa, xa se organizaron máis de 130 diálogos cidadás, involucrando a 81 rexións e 114 municipios. Exemplo destas actividades é o diálogo cidadá celebrado o ano pasado en Santiago de Compostela contando coa presencia do comisario de Enerxía, Miguel Arias Cañete e co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións Neste mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que traballa en asuntos como asuntos exteriores e desenvolvemento sustentable.
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
- Te recomendamos -