O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou a empresa Computer3, que promove cinco accións formativas no marco deste programa
A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa no concello de Lugo preto dun centenar de accións formativas para traballadores desempregados ás que destina 4,2 millóns de euros. Estas actividades benefician a arredor de 1.500 persoas que ven, deste xeito, mellorada a súa formación e empregabilidade.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita ás instalacións de Computer3, unha das empresas que promove estes cursos na capital. Na presente convocatoria ofreceu formación en materias tan diversas como xestión de recursos humanos, elaboración de páxinas web, inglés e actividades administrativas.
Balseiro lembrou que as accións formativas desenvólvense entre os meses de setembro de 2017 e xuño de 2018. A capital acolle 99 cursos, practicamente a metade do total da provincia (200 cursos) e, en concreto, neste momento están en marcha 46 nos que están participando máis de 600 persoas en distintos centros do municipio.
Están organizados por diversos axentes, entre os que figura o propio concello (dous cursos), a Fundación Laboral da Construción (13 cursos, oito deles en marcha e cinco xa rematados), a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), organizacións empresariais como a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería ou Aprevar, e entidades como Afalu ou Cogami así como empresas e outros centros acreditados.
A concorrencia de todos estes axentes, afirmou o delegado, “responde á necesidade de arbitrar unha programación o máis axustada posible aos requirimentos do mercado laboral, xa que coñecen as potencialidades de emprego no ámbito local e os perfís profesionais que demandan as empresas”.
Na presente convocatoria, engadiu Balseiro, primáronse os sectores con mellores expectativas de inserción, que son na actualidade os vinculados coa industria, como a recollida, tratamento e eliminación de residuos, a industria téxtil e a fabricación de mobles; co sector servizos: principalmente atención sociosanitaria ou comercio; e co sector da construción.
Ademais, estas actividades formativas outorgan aos participantes un certificado de profesionalidade, que os acredita para exercer en toda España.
O delegado lembrou que xa está aberta a convocatoria 2018/2019 e as entidades interesadas en organizar cursos ao abeiro deste programa poden presentar a súa solicitude ata o 27 de abril.
- Te recomendamos -