Inicio Galicia A Xunta destaca os investimentos 4.0 e os servizos ReAcciona como ferramentas...

A Xunta destaca os investimentos 4.0 e os servizos ReAcciona como ferramentas para consolidar a competitividade das pemes

0

O director do Igape, Juan Cividanes, avanzou a próxima convocatoria de axudas para proxectos piloto 4.0 durante a súa visita á empresa Lago Aves, afincada en Pontevedra, que está a investir neste ámbito

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe que os investimentos no ámbito 4.0 ou na dixitalización empresarial e os servizos avanzados de programas como o ReAcciona son instrumentos claves para que as pemes galegas poidan consolidar a súa competitividade, medrar, modernizarse e avanzar no ámbito internacional.

Cividanes avanzou a próxima convocatoria de axudas para proxectos piloto 4.0 durante a súa visita á empresa, afincada en Pontevedra, Lago Aves, que está a investir neste eido. Asi, explicou que no segundo semestre deste ano, o Igape activará a terceira convocatoria para apoiar investimentos das pemes no ámbito 4.0. Ao amparo das dúas primeiras convocatorias desta liña de axudas, preto de setenta empresas galegas desenvolveron ou están a desenvolver investimentos que mobilizan 15 millóns de euros para impulsar a súa mellora competitiva mediante a aplicación das tecnoloxías máis avanzadas.

O director do Igape resaltou, ademais, que a compañía, fundada en 1986, mantén na cidade pontevedresa un forte compromiso coa eficiencia enerxética e vén apostando pola automatización dos seus procesos produtivos desde hai dez anos. Actualmente conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria para desenvolver un investimento de máis de 450.000 euros no eido 4.0, que está destinado a implantar innovadoras tecnoloxías de sensorización avanzada para optimizar os seus procesos afondando na robotización.

Co apoio da Xunta, a empresa, que conta cunha facturación de 16 millóns de euros o ano pasado e con 40 empregados, tamén está a implantar proxectos de mellora ao abeiro do programa ReAcciona, promovido polo Igape. Actualmente o prazo para presentar solicitudes a este plan está aínda aberto, ata o próximo 25 de maio.

Segundo lembrou Cividanes, ao abeiro do programa ReAcciona, o Igape vén de conceder (DOG do 4 de abril) axudas por valor de 430.000 euros para apoiar a implantación de 107 novos proxectos de mellora que abordan, entre outros aspectos, a optimización da xestión financeira, a modernización da produción e a cadea loxística, o relanzamento comercial ou a mellora da imaxe e a comunicación empresarial.


- Te recomendamos -