Inicio Galicia O número de desfibriladores externos semiautomáticos rexistrados polo 061 de Galicia aumentou...

O número de desfibriladores externos semiautomáticos rexistrados polo 061 de Galicia aumentou nun 13% no último ano

0

O número de DESA inscritos pasou dos 1.206 dispositivos rexistrados en decembro de 2017 aos 1.367 aparellos inscritos actualmente


O número de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) dados de alta no rexistro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aumentou nun 13% no último ano, xa que pasou dos 1.206 dispositivos rexistrados en decembro de 2017 aos 1.367 aparellos inscritos actualmente. A provincia galega que conta co maior número de DESA rexistrados en espazos públicos é A Coruña con 661, seguida por Pontevedra con 317, Lugo con 200 e, por último, Ourense con 189 dispositivos inscritos.

O incremento do número de desfibriladores externos semiautomáticos inscritos no rexistro do 061 de Galicia amosa que o maior aumento produciuse na provincia de Ourense que medrou un 22 % (de 155 a 189 DESA dados de alta), seguida de Pontevedra cun 16 % (de 274 a 317), Lugo cun 15 % (de 174 a 200) e A Coruña cun 10 % (de 603 a 661).

Estas cifras corroboran a concienciación da sociedade galega fronte ao recoñecemento dos sinais de morte súbita e a aplicación das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica como elos esenciais da cadea de supervivencia. Ademais, no caso de padecer unha parada cardiorrespiratoria (PCR), a dispoñibilidade de DESA en espazos públicos resulta fundamental, tal e como amosan os resultados da análise das máis de 750 asistencias anuais atendidas polo 061 de Galicia nas que a realización de RCP por testemuñas duplicou as posibilidades de supervivencia do paciente.

No ano 2000, Galicia foi pioneira a nivel nacional ao regular a formación e uso dos DESA por persoal non médico e, desde entón, mantívose a vangarda nos procedementos e recomendacións para o tratamento da PCR. No ano 2017, o goberno galego regulou a instalación e o uso de DESA fóra do ámbito sanitario, recomendando a instalación destes dispositivos nos espazos nos que se prevea unha grande concentración ou tránsito de persoas, tamén se creou o rexistro un rexistro único de DESA, xestionado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O modelo galego de regulación da instalación e uso dos DESA basease na experiencia de países como Noruega, Suecia e Xapón, entre outros, nos que a formación da poboación en RCP básica e a instalación de DESA en espazos públicos repercutiron nun incremento da realización de RCP por testemuñas. Deste xeito, logrouse o aumento da taxa de supervivencia, a redución de posibles secuelas e un menor custo na atención no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria no medio extrahospitalario.

Responsabilidade da inscriciónUrxencias Sanitarias de Galicia-061 quere subliñar que a instalación de DESA leva consigo a responsabilidade do seu mantemento, conservación e inscrición no rexistro, no que deberán constar os datos xeográficos e as coordenadas da súa localización. Estes datos serán posteriormente trasladados a App do 061 de Galicia (App Urxencias Sanitarias Galicia), o que permitirá coñecer o punto exacto no que se encontra o DESA máis próximo.

A nova regulación fai máis doada a formación no uso de DESA para persoal non sanitario mediante un curso de preto de cinco horas, impartido por aquelas entidades que conten co recoñecemento do Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar. Estes coñecementos poderán ser aplicados en calquera persoa, a partir dun ano de idade, que sufra unha PCR.

Por último e enmarcado nas iniciativas desenvoltas polo 061 de Galicia para a mellora da atención da morte súbita, cómpre salientar o programa Acude e Axuda que ven de ampliarse a toda a Comunidade Autónoma. Posto en marcha como proxecto piloto en Santiago no ano 2006 e co obxectivo de acurtar o tempo de atención á PCR conta actualmente con 428 persoas inscritas. Acude e Axuda permite que no caso de que alguén sufra unha parada cardiorrespiratoria nun espazo público, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilice aos voluntarios máis próximos que inmediatamente iniciarán as manobras de RCP e localizarán o DESA que estea máis preto, ata a chegada da ambulancia de soporte vital avanzado.

Entre os anos 2001 e 2017, as unidades asistenciais do 061 de Galicia aplicaron o DESA a 5.773 pacientes; o desfibrilador realizou descargas, tras detectar un ritmo desfibrilable, no 26 % dos casos (1.489 persoas) e no 57 % das descargas aplicadas (844 persoas) os pacientes recuperaron o pulso con anterioridade á chegada ao centro hospitalario.


- Te recomendamos -