A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede na provincia da Coruña apoios a través do Galicia Exporta Empresas por preto de 1,7 millóns de euros para desenvolver iniciativas de promoción exterior
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a empresa Guarnicionería Hermanos Gómez en Arzúa que recibiu unha achega da Xunta de máis de 51.000 euros do programa Galicia Exporta. O representante do goberno autonómico deu conta das axudas deste programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na cidade de Santiago de Compostela e a súa área de influencia deixarán máis de 610.000 euros para apoiar a 32 empresas, 17 delas situadas na cidade a outras 15 en concellos limítrofes.
En total, na provincia da Coruña se beneficiarán deste plan de axudas 85 pemes que recibirán unha achega total de 1,7 millóns de euros.
Nestas iniciativas participan compañías de eidos como a alimentación, TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, a maquinaria, o naval ou a construción, que desenvolverán accións en 97 mercados de todo o mundo, como a creación de tendas online, a participación en feiras e eventos internacionais e a planificación de axendas de reunión no estranxeiro ou seguimento de clientes.
Ovidio Rodeiro apuntou que “estas axudas do Galicia Exporta Empresas cobren o 70% dos custes, cun máximo de 70.000 euros por solicitude e compañía”. Ademais, aclarou que “as pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados como China, Estados Unidos, Cuba, Arabia Saudí, Australia, Brasil, Arxentina, México, Emiratos Árabes Unidos, Rusia, Marrocos, Xapón ou Colombia, así como distintos países europeos”.
O representante do goberno autonómico lembrou que “este ano houbo un incremento de 900.000 euros nos apoios con respecto ao pasado exercicio”. Así, concedéronse, a través do programa Galicia Exporta Empresas do Igape, axudas por preto de 5 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 261 compañías, o que supón un 49% máis ca na convocatoria anterior.
Neste senso, o delegado territorial lembrou que “o próximo mes de xaneiro abrirase a seguinte convocatoria de solicitude de axudas para levar a cabo accións durante o 2010 e a primeira metade de 2020”. Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios, mediante o que os clústeres e asociacións realizan accións agrupadas de promoción exterior que contan, ademais, co reforzo de bolseiros de internacionalización do programa de capacitación posto en marcha polo Igape e que colaboran no desenvolvemento das actuacións realizadas polas agrupacións empresariais.
No caso dos proxectos agrupados coordinados a través desta liña de axudas, os apoios abranguen o 90% do custo e chegan ata os 150.000 euros. A resolución de axudas aprobada en xullo deste ano achegou 1,5 millón de euros a 34 iniciativas de organismos intermedios das que, só de xeito directo, se benefician 206 empresas.
Ovidio Rodeiro destacou que “mediante os dous programas a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías”. Ambas iniciativas enmárcanse na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que ten por obxectivo facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial.
Froito do esforzo do tecido empresarial galego neste eido, co apoio da Xunta, Galicia continúa batendo cifras históricas e así, á falta dos datos dos últimos dous meses do ano, as exportacións galegas medraron un 8,6% con respecto ao mesmo período do ano récord de 2017. Ademais, no mes de outubro as exportacións galegas medaron un 16,5 % moi por riba da media estatal, nun 9%.
A aposta das empresas galegas pola innovación e a calidade para chegar a novos mercados é a clave para que Galicia estea a vivir o seu mellor ciclo exportador, logrando que os últimos cinco anos sexan os de maiores vendas ao exterior da nosa historia.
- Te recomendamos -