Inicio Galicia Cultura impulsa dúas liñas de axudas para apoiar a edición do libro...

Cultura impulsa dúas liñas de axudas para apoiar a edición do libro en galego e mellorar as coleccións das bibliotecas municipais

0

As entidades locais poden solicitar xa subvencións para a dotación de novidades editoriais e mellora dos seus fondos bibliográficos por un importe de 650.000 euros, un 15% máis que na anterior convocatoria

A Consellería de Cultura e Turismo vén de convocar esta semana dúas liñas de axudas para continuar apoiando a edición do libro en galego, fomentar a lectura e enriquecer as coleccións públicas da Comunidade.

Trátase, en primeiro lugar, da orde, dispoñible xa no Diario Oficial de Galicia (DOG), pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais para a dotación de novidades editoriais en galego, en formato físico, así como para a mellora das súas coleccións bibliográficas, tanto das bibliotecas como das axencias de lectura públicas de titularidade municipal que estean integradas na Rede de bibliotecas públicas de GaliciaPoden beneficiarse desta convocatoria tanto entidades locais individuais da Comunidade como posibles agrupacións de concellos que presten servizos bibliotecarios comúns.

A orde abrangue dous programas que, en conxunto, reciben un 15% máis de investimento que no pasado ano. Por unha banda, as subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego, por un importe de 250.000 euros. Deste xeito, ponse a disposición da cidadanía as últimas publicacións tras a súa entrada no mercado.

Por outra, o programa dirixido á mellora das coleccións bibliográficas, por un importe de 400.000 euros, ten como finalidade actualizar o repositorio destas entidades, o que permite aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións e, deste modo, incrementar a oferta e brindar un mellor servizo ás persoas usuarias. Pode consultarse a orde completa en aquí.

En segundo lugar, está aberta xa a convocatoria destinada á produción editorial para apoiar o libro galego. Así, concederanse axudas no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición.

Para este fin, consígnase unha contía de ata 200.000 euros, que permite tamén financiar outras gastos tales como deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulación. Neste caso, poden concorrer aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

En ambas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das correspondentes ordes no Diario Oficial de Galicia. A documentación quedou publicada aquí.


- Te recomendamos -