Inicio Galicia Vivenda licita a rehabilitación dun inmoble na rúa Argüelles en Ferrol Vello,...

Vivenda licita a rehabilitación dun inmoble na rúa Argüelles en Ferrol Vello, cun investimento de máis de 330.000 euros

0

Trátase da primeira actuación no marco do programa Rexurbe, no que se prevé rehabilitar arredor de 38 vivendas

O Instituto Galego da Vivenda e Solo licita hoxe a obra de rehabilitación do inmoble emprazado no número 1 da rúa Argüelles no Concello de Ferrol. Deste xeito, cúmprese o compromiso avanzado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ás actuacións do IGVS en Ferrol Vello, onde indicou que a licitación desta obra se realizaría en breve.

O IGVS investirá un total de 333.529,97 euros nas obras de rehabilitación deste inmoble, que dan o pistoletazo de saída as actuacións que recolle o programa Rexurbe na zona de Ferrol Vello.

Coa rehabilitación do inmoble obteranse dúas vivendas de dous dormitorios cada unha, dotadas co seu correspondente rocho. A superficie total útil das dúas vivendas será de 168,10 metros cadrados, ademais dos rochos. O inmoble disporá tamén dun local comercial de 39,10 metros cadrados.

Ferrol Vello recibirá un investimento do IGVS de preto de cinco millóns de euros destinados á adquisición e rehabilitación de inmobles no marco do programa Rexurbe, co que o IGVS pretende adquirir 13 inmobles seleccionados entre os ofrecidos polo seus propietarios. As actuacións nos inmobles que se adquiran sumadas a rehabilitación doutros que xa son propiedade do IGVS, como este de Argüelles 1, darán lugar a arredor de 38 vivendas rehabilitadas, que se sumarán as 12 que xa rehabilitadas por Xestur e que actualmente están adxudicadas en réxime de alugueiro.


- Te recomendamos -