O obxectivo é potenciar o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e entidades
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destina 800.000 euros á convocatoria dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos o que supón un aumento do 60% con respeto ao orzamento da convocatoria anterior.
Con esta convocatoria a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional quere impulsar iniciativas e proxectos innovadores no ámbito da FP. Neste sentido, valoraranse, en especial, os proxectos nos que se fomente a colaboración do profesorado e do alumnado con empresas e institucións do seu contorno e con outros centros educativos.
Así mesmo, darase prioridade aos proxectos que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado, favorecendo o acceso da muller aos perfís profesionais relacionados con profesións STEM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina. Deste xeito, foméntase o emprendemento e a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.
ModalidadesA convocatoria estrutúrase en dúas modalidades. A primeira delas está destinada a proxectos que teñan como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica, que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. As iniciativas deberán estar orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo, así como ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.
No caso da segunda das modalidades, os proxectos terán como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
En calquera caso, os proxectos deberán contar coa participación de, como mínimo, dúas persoas e terán que figurar como socios outros centros educativos de FP, entidades ou empresas, a nivel autonómico. Un docente do centro solicitante asumirá as funcións de persoa coordinadora e o profesorado implicado nos proxectos premiados recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente para o coordinador e de 20 horas para o resto dos profesores participantes.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de febreiro de 2019 e a súa formalización deberán facela os centros interesados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares previstos na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de proceder ao envío nunha oficina de Correos, remitirase ademais copia da solicitude e da documentación a través do correo fpinnova@edu.xunta.es dentro do prazo establecido. Os requisitos poden consultarse no Portal de FP.
- Te recomendamos -