Nas residencias da Xunta no Carballiño e Panxón conviven desde o pasado día 23 e ata o vindeiro 7 de xaneiro 260 galegas e galegos de máis de 60 anos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou esta mañá que “todas e todos merecemos desfrutar do Nadal en compañía”. Fíxoo durante unha visita as persoas maiores que desde o pasado domingo 23 e ata o vindeiro 7 de xaneiro atópanse aloxadas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño ao abeiro do programa Xuntos polo Nadal.
Neste sentido, Fabiola García explicou que o obxectivo desta iniciativa, que tamén se está a desenvolver na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán, “é garantir que as galegas e galegos de máis idade celebren esta época do ano en compañía”. Ademais, apuntou que esta edición de Xuntos polo Nadal conta con máis participantes ao incrementarse en 20 o número de prazas ofertadas, ata chegar a un total de 260 entre as dúas residencias (130 maiores en cada unha delas).
Fabiola García destacou que Xuntos polo Nadal significa convivencia, envellecemento activo e familia. Así, este programa supón para os maiores unha experiencia que lles axuda a tecer amizades e ocupar o tempo de ocio con distintas actividades de animación sociocultural, como obradoiros de manualidades, baile, ximnasia, excursións ou comidas especiais nas xornadas de Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e Reis.
Xuntos polo Nadal está dirixido a persoas que superan os 60 anos que viven soas nos seus domicilios. Deuse preferencia a aqueles maiores que sufrisen o falecemento do seu cónxuxe máis recentemente, os de máis idade, os que non participasen en edicións anteriores e os que teñan menos ingresos. De feito, aquelas persoas con ingresos inferiores ao Iprem (537 euros) asisten de forma gratuíta e aquelas que estean por riba desta contía abonan o prezo simbólico de 50 euros, que inclúe a viaxe desde as súas lugares de orixe á residencia e tamén o regreso unha vez finalizada a estancia.
Cómpre indicar que o desenvolvemento do programa conta coa implicación de voluntariado. Un grupo de 15 persoas (6 na residencia do Carballiño e 9 na de Panxón) proporcionan apoio e acompañamento aos maiores, e tamén colaboran nas actividades lúdicas que se realizan.
- Te recomendamos -