Vázquez Mourelle explica que o período de presentación de ofertas para estas obras, cun prazo de execución de 4 meses, remata o vindeiro 23 de xaneiro
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe co alcalde de Malpica, Eduardo Parga, ao que lle trasladou a licitación hoxe da mellora da rúa Emilio González, cun investimento de máis de 560.000 euros, para iniciar as obras na vindeira primavera e rematalas antes de fin de ano.
O período de presentación de ofertas para estas obras, cun prazo de execución de 4 meses, remata o vindeiro 23 de xaneiro.
Vázquez Mourelle explicou que é unha intervención ao longo de 300 metros que suporá unha mellora da accesibilidade porque vai ser plataforma única. Precisa que se acometerán medidas para calmar o tráfico así como para acadar maior seguridade para os peóns.
Concretou que se renovarán as redes de saneamento e pluviais e se optimizará a integración urbana da vía, ao instalárense árbores e mobiliario urbano, o que dará á calzada unha estética máis humanizada.
Todo isto será posible grazas a unha nova calzada, repavimentada con formigón impreso, que se estreitará en medio metro reducindo o espazo destinado aos vehículos para incrementalo no espazo dos peóns.
Ademais, demoleranse e construiranse unhas novas beirarrúas máis anchas que se complementarán con balizas luminosas e con pasos de peóns diferenciados mediante granito.
Ao mesmo tempo, cambiarase o peralte do viario de xeito que as augas de chuvia sexan dirixidas cara os renovados sumidoiros evitando charcos ao longo da rúa.
A titular de Infraestruturas lembrou que esta intervención se sumará a outra posta en servizo a principios de ano neste concello, a senda Xornes- Buño- Cantalarrana, cun investimento superior ao medio millón de euros.
Subliñou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria de Malpica, que é posible grazas ao entendemento entre o Goberno municipal e a Axencia Galega de Infraestruturas.
- Te recomendamos -