Inicio Galicia As vendas galegas ao exterior da industria forestal crecen un 8% nos...

As vendas galegas ao exterior da industria forestal crecen un 8% nos dez primeiros meses do ano

0

O director do Igape, Juan Cividanes, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentaron hoxe en Santiago os resultados das exportacións galegas de xaneiro a outubro en todos os sectores de actividade, que medraron máis do dobre que a nivel estatal e xa superan os 19.300M€

O director do Igape, Juan Cividanes, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentaron hoxe na sede do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia os resultados das exportacións das empresas galegas, destacando o bo ritmo das mesmas, xa que a falta de coñecer os datos dos dous últimos meses do ano, creceron un 8,6% con respecto ao mesmo período de 2017, e superaron os 19.300 millóns de euros. No mes de outubro as vendas galegas ao exterior medraron un 16,5%, moi por riba da media estatal, cun 9%.

Cividanes subliñou que o crecemento é máis do dobre do incremento que rexistra o conxunto de España, que é do 3,8% e resaltou que Galicia logrou un superávit comercial de 3.386,6 millóns de euros, situándonos como a terceira mellor balanza en termos absolutos, despois de País Vasco e Navarra.

Leer más:  Dos menores de Vigo han sido condenados a participar en talleres educativos después de difundir un video sexual de otro menor

O director de Xera, Ignacio Lema, destacou, pola súa banda, o bo ritmo das vendas ao exterior no sector forestal e da madeira que se incrementaron no mes de outubro nun 12,5%. Nos dez primeiros meses do ano esta industria aumentou as súas exportacións nun 8% cun volume de vendas de 771,7 millóns de euros, que a falta dos datos dos dous últimos meses do ano, é un valor que está moi preto de acadar os 800 millóns de euros que exportou o sector en todo o 2017.

Con respecto aos outros sectores produtivos con máis peso na economía galega, Cividanes puxo en valor o incremento nas vendas das empresas do téxtil, que medraron nun 2,3% e acadaron un valor de 5.513 millóns de euros; da automoción, que subiron un 12,8% e superaron os 4.518 millóns de euros; e da agroalimentación e bio cun aumento do 2,8% e unhas vendas de 2.581 millóns de euros.

En canto aos destinos, destacan mercados tradicionais europeos, como Bélxica, cunha suba do 42,8%; os Países Baixos, cun 22% de incremento; ou Polonia, cun 20,1%. Cividanes subliñou, así mesmo, o bo ritmo exportador co Reino Unido cun aumento nos dez primeiros meses do ano do 17,9% e un volume de vendas de 1.363 millóns de euros; e ademais salientou que ante a perspectiva do Brexit as empresas galegas deben afrontar esta situación como unha oportunidade para seguir medrando.

Leer más:  Se busca a un hombre por atacar a su pareja en un lugar público en Lugo"

O director do Igape sinalou tamén que de xaneiro a outubro o número de empresas galegas exportadoras acadou a cifra de 6.482, o que supón un incremento do 8% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Neste período, o número de compañías galegas exportadoras regulares, é dicir, aquelas que venden produtos no exterior durante os últimos catro anos de forma consecutiva, foi de 2.472.

Cividanes indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, apoia a internacionalización das pemes galegas mediante programas como o Galicia Exporta Empresas, o Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Foexga, que buscan reforzar o apoio directo ao tecido empresarial galego e a súa expansión internacional. Mediante a última convocatoria do Foexga, que se vén de publicar, e as do Galicia Exporta, que se abrirán proximamente, a Xunta vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1.000 empresas.


- Te recomendamos -