Inicio Galicia A Xunta licita a asistencia técnica para o control da execución da...

A Xunta licita a asistencia técnica para o control da execución da obra de saneamento da enseada da Malata, en Ferrol

0

As empresas interesadas neste contrato, licitado por un importe de máis de 157.000 euros, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de xaneiro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar o servizo de asistencia técnica para o control da execución da obra de saneamento da enseada da Malata, en Ferrol.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de xaneiro. O importe de licitación deste contrato de asistencia técnica á dirección facultativa da obra hidráulica supera os 157.000 euros. Cómpre lembrar que as obras de saneamento da enseada da Malata, en Ferrol, dispoñen dun investimento de máis de 5,4 millóns de euros e foron adxudicadas recentemente a UTE- Cons Ramón Vázquez y Reino, SL & Cons Cernadas, S.

L & José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.

A.

Esta obra define as actuacións necesarias para dar continuidade ao interceptor xeral do tramo Malata- Gándara cara á zona da enseada ata a Graña. Así, contempla dous tanques de tormenta, un na zona da Malata e outro na do CIS Galicia; unha estrutura de regulación; unha rede de colectores xerais de saneamento e conexións de lestes coa rede existente; e a remodelación do bombeo existente na zona da Cabana.

A intervención ten como obxectivos prioritarios a recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa, a mellora da calidade de vida da poboación asentada entorno a enseada e o aumento da competitividade económica e fomento do turismo.

Cómpre destacar que a poboación total servida por esta actuación no horizonte do ano 2038 estímase nuns 14.824 habitantes aproximadamente.

Esta actuación súmase ás executadas polo Estado e cofinanciadas pola Xunta e os concellos de Narón e Ferrol na marxe norte da ría, que permitiron a posta en funcionamento da rede de interceptores para a recollida e condución das augas residuais ata a EDAR de Cabo Prioriño, onde se depuran antes da súa vertedura ao mar.

O Executivo autonómico segue avanzando no cumprimento dos obxectivos para ter concluída a planificación do saneamento das rías no horizonte do ano 2020.

Unha das máximas prioridades do Goberno galego é o saneamento das rías e, nese sentido, ten realizado importantes esforzos de investimento nas rías galegas. Entre as diferentes administracións, lévanse investidos máis de 250 M€ no saneamento da ría de Ferrol, dos que 116,6 M€ foron achegados pola Xunta.

Estes investimentos xa supuxeron unha mellora substancial da situación da calidade da augas de ría, confirmada nas analíticas tomadas polo Intecmar nas distintas zonas marisqueiras.


- Te recomendamos -