Inicio Galicia A Xunta destina máis de 16,5 millóns de euros ás axudas do...

A Xunta destina máis de 16,5 millóns de euros ás axudas do Plan Leader para dinamizar o agro galego a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural

0

Os interesados en contar cunha subvención poden enviar os seus proxectos antes do 31 de marzo ao GDR correspondente

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Trátase das achegas ás que pode optar calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

Nesta convocatoria o orzamento das axudas é superior aos 16,5 millóns de euros en dúas anualidades (6,6 millóns para 2019 e 9,9 para 2020) e está cofinanciado nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta. O crédito está xa previamente distribuído entre os grupos de desenvolvemento rural seleccionados no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e pode consultarse no anexo desta convocatoria. Aínda que o prazo de presentación de solicitudes é permanente durante todo o período de execución do Leader, concorrerán a esta convocatoria aquelas presentadas ata o 31 de marzo de 2019. Unha vez tidas en conta as peticións recibidas ata esa data, e no caso de existir crédito orzamentario dispoñible, poderá realizarse unha segunda convocatoria, tendo en conta as solicitudes presentadas ata o 31 de maio de 2019. Así, as solicitudes de axuda dirixiranse, tendo en conta a localización do investimento, ao GDR que corresponda e presentaranse no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria.

Neste sentido, serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR.

Cabe recordar que a asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial ás mulleres, aos mozos, ás persoas con discapacidade ou maiores.

Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Ademais, o programa Leader ten como obxectivo buscar un desenvolvemento rural baseado na participación da poboación do territorio, integrando nel todos os recursos e actores económicos e humanos existentes. Para asegurar esa participación da sociedade rural existen 24 GDR en Galicia, que son os responsables de seleccionar os proxectos que lles permiten desenvolver as súas estratexias de desenvolvemento rural. Estes grupos son o elemento básico da metodoloxía Leader de abaixo cara arriba, coas súas estratexias que definen no ámbito rural e determinan as liñas concretas de aplicación das axudas e os proxectos para financiar.


- Te recomendamos -