Inicio Galicia A Consellería de Educación concede 93 axudas para a matrícula de másteres...

A Consellería de Educación concede 93 axudas para a matrícula de másteres universitarios

0

As bolsas, dirixidas a persoas desempregadas, oscilan entre os 591 e os 1.881,60 €, en función do tipo de titulación


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria e axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso académico 2018/2019, pola que se conceden un total de 93 bolsas.

A contía de cada axuda individual cubre o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 68/2018 do 21 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario o importe da bolsa oscila entre os 591 € e os 1.881,60 €.

Dos 93 bolseiros, 31 cursan o máster na Universidade da Coruña, 22 na de Santiago de Compostela e 40 na de Vigo. Por sexo, 57 son mulleres e 36 son homes. Cómpre sinalar que o máster máis cursado entre os beneficiarios é o do Profesorado (34 bolsas), seguido do de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria e do de Estudos Internacionais (4 axudas cada un).

Para solicitar a axuda as persoas candidatas debían estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e estar matriculadas no curso académico 2018/2019 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

O obxectivo desta convocatoria é apoiar aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo. Cómpre lembrar que este ano a Consellería decidiu rebaixar os prezos de matrícula dos máster habilitantes ata equiparalos aos dos graos. Deste xeito, Galicia é a Comunidade Autónoma cos prezos medios máis baratos do Estado nestas titulacións -13,5 euros por crédito por debaixo da media estatal, que supera os 25 euros-.


- Te recomendamos -