A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a infraestrutura, que contou cun apoio autonómico de 70.000 euros, e que está especializada en produtos locais
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe na reapertura do mercado tomiñés de Goián que esta infraestrutura, que contou cun apoio da Xunta de 70.000 euros, permite impulsar o emprendemento na localidade.
Ao mesmo tempo, tal e como salientou Vázquez Abeal, compleméntase a oferta comercial con negocios especializados en produtos locais. Así, neste espazo, que se reforza tras unha reforma integral, desenvolven a súa actividade unha carnicería-chacinaría, unha peixería, unha froitería e unha tenda ecolóxica.
O Concello de Tomiño conta con outra praza de abastos municipal de maiores dimensións, que se converteu recentemente na primeira de Galicia en contar co selo de Mercado Excelente que concede a Xunta. Á hora de conceder este recoñecemento, valoráronse catro grandes áreas: a imaxe do mercado, instalacións e accesibilidade; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e integración do mercado na vida social do concello.
- Te recomendamos -