O traballo impúxose a outros nove que concorreron ao galardón convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Galaxia en colaboración con Naturgy, dotado con 3000 euros e a publicación da obra
O profesor, xornalista e investigador galego Fernando Redondo Neira (Boqueixón, 1971) fíxose coa XVIII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra Os amorodos de Bergman. Está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia no vindeiro ano.
O autor é Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela; membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema, da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación e do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas. É autor do libro Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta (2004) e coordinador do volume Cidadanía e documental. Recibiu este mesmo ano o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, concedido pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polo artigo Derivas e encrucilladas no novo cinema galego, publicado na revista Tempos Novos.
En palabras do xurado o texto premiado “amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo que, nas primeiras décadas do s. XX, recolleu no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto. O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía". Integrárono Luís Alonso Girgado, Carme Adán, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema (este último, como secretario con voz e voto).
Desde a súa creación, no ano 2000, o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro conta cun total de 18 autores e obras premiadas: Basilio Lourenço Fondevila (A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder); Anxo A. Rei Ballesteros, (Tempo e vinganza); Xosé Luís Barreiro Rivas (A terra quere pobo); Teresa Moure (Outro idioma é posible), Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo), Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero (Psicopatoloxía do retorno), María López Sández (Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio), Xosé Ramón Quintana Garrido (Un longo e tortuoso camiño), Manuel Pérez Rúa (Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950), Ramón Máiz (A arte do imposible), Teresa Moure (Queer-emos un mundo novo), Xaime Subiela (Para que nos serve Galiza?), José María Durán Medraño (Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx), Luís García Soto (Barthes filósofo), Santiago Lamas e Alfonso Mato (De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo), Rafael Quintía Pereira (Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia) e Xosé Constenla (O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país’).
- Te recomendamos -