Inicio Galicia Publícanse as bases do concurso de ideas para os anteproxectos das sete...

Publícanse as bases do concurso de ideas para os anteproxectos das sete novas residencias nas sete cidades galegas

0

Afundación financia a convocatoria con 200.000 euros, cos que contará a proposta gañadora para redactar o anteproxecto

A Xunta, Afundación e Abanca acaban de publicar as bases do concurso de ideas para os anteproxectos das sete novas residencias que se construirán nas sete grandes cidades galegas, dentro do plan “Como na casa”. A entidade financiará esta convocatoria con 200.000 euros, que se destinarán a que o proxecto gañador redacte os anteproxectos dos centros de maiores. A entidade financiará integramente esta convocatoria, de xeito que este concurso de ideas non suporá ningún desembolso económico para as arcas autonómicas.

Ademais, a convocatoria inclúe tres premios para os mellores proxectos: 9.000 para o gañador, 6.000 para o segundo e 5.000 para o terceiro.

O prazo para presentar ideas será de 45 días naturais, polo que permanecerá aberto ata o 4 de febreiro. Rematado ese período, as propostas serán valoradas por un xurado conformado da seguinte maneira: dous representantes da Xunta, un do Colexio Oficial de Arquitectos, un de Afundación e un de Abanca.

Plan “Como na casa”O plan “Como na casa” mellorará os equipamentos para maiores nas principais zonas urbanas de Galicia, dotándoas de 900 novas prazas de atención á dependencia: 150 en Vigo e na Coruña e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Para dotalas do persoal necesario, prevese a creación duns 500 empregos. Contémplase un investimento total de 62 millóns de euros, dos que a primeira partida xa está consignada nos Orzamentos de 2019, aprobados esta mesma semana polo Parlamento de Galicia.

As residencias contarán cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores. Entre as novidades, por exemplo, contarán con unidades psicoxeriátricas para o tratamento das usuarias e usuarios con doenzas mentais.


- Te recomendamos -