Concede unha axuda de 228.000 euros que garanten a continuidade da actividade desta organización durante os vindeiros dous anos
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, enxalzou hoxe o traballo en favor das persoas e familias con menos recursos que leva a cabo a Fundación Casa Caridade de Vigo-Fogar San José, durante unha vista ás instalacións desta entidade na cidade olívica. O representante autonómico, que estivo acompañado pola xefa territorial de Política Social, Marta Iglesias, visitou o comedor e o roupeiro, servizos que tamén son atendidos por persoas voluntarias.
O delegado asegurou que o Goberno galego seguirá a apoiar á xente que se atopa nunha situación de vulnerabilidade con máis recursos e prestacións. Un compromiso que se manifesta nos 119 millóns de euros que se destinan á área de inclusión nos orzamentos de 2019, un 70% máis do que a Xunta destinaba a este obxectivo hai nove anos. Esta contía permite reforzar as axudas as entidades que desenvolven a súa actividade neste ámbito, como é o caso da Fundación Casa Caridade de Vigo-Fogar San José que ten concedida unha achega económica da Xunta de 228.000 euros para o período 2018-2020.
López-Chaves subliñou, ademais, a importancia de afondar na colaboración entre administracións e co tecido social coa finalidade de seguir mellorando a atención e os servizos dirixidos ás persoas en risco de exclusión. Nesta liña, avogou por continuar a desenvolver as medidas recollidas na Axenda Social de Galicia, instrumento para actuar fronte a desigualdade e a exclusión dunha maneira coordinada entre Xunta, concellos e entidades.
- Te recomendamos -