Inicio Galicia O conselleiro de Facenda confirma que Galicia foi unha das comunidades que...

O conselleiro de Facenda confirma que Galicia foi unha das comunidades que mantivo máis estable o gasto sanitario nos peores anos da crise, pese á forte caída de recursos

0

Valeriano Martínez lembra que a Xunta optou por blindar a prestación dos servizos públicos fronte a unha caída nos ingresos duns 2.000 millóns de euros


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, confirmou hoxe que Galicia foi unha das comunidades autónomas que mantivo máis estable o gasto sanitario público durante os peores anos da crise, pese á forte caída de recursos que afectou a todas as administracións autonómicas, e que no caso de Galicia provocou un descenso nos ingresos duns 2.000 millóns de euros anuais.

Na súa intervención na Comisión de Investigación do Sistema Sanitario do Parlamento de Galicia durante o período 2009-2018, o titular de Facenda destacou que na actualidade “non só non existen recortes na sanidade pública galega”, senón que a Xunta de Galicia “está, ano a ano, batendo récords de recursos destinados a este fin”.

Valeriano Martínez incidiu en que o Goberno galego, durante a recesión, tomou a decisión política de blindar a prestación dos servizos sanitarios en detrimento doutras políticas. De feito, explicou que o gasto sanitario descendeu menos que a media durante os anos máis complicados da crise, e recuperouse desde 2015 ata chegar ao máximo histórico.

O conselleiro de Facenda tamén aludiu ás medidas que levou a cabo a Xunta para blindar o gasto sanitario: un esforzo nas retribucións dos profesionais, como consecuencia das medidas temporais –xa repostas– que houbo que implantar no contexto da crise para todos os empregados públicos galegos, e a implantación de medidas de eficiencia, como a baixada do prezo de referencia dos medicamentos. Ademais, Galicia é a comunidade que mellor paga aos provedores sanitarios, cun tempo medio cinco veces menor que a media.

Acordos sindicaisRespecto á situación actual, explicou que neste momento está pactada xa coas centrais sindicais a reanudación da carreira profesional do Servizo Galego de Saúde, que comezará a pagarse xa no nómina do vindeiro mes. E no ámbito dos recursos humanos, sinalou que Galicia conta con máis profesionais que hai dez anos para prestar servizos aos cidadáns.

Tamén está acordado cos sindicatos un Plan de Estabilidade para reducir ata o 5% a taxa de temporalidade, o que permitirá acadar case a plena estabilidade. E Galicia dispón “dunha renovada rede de infraestruturas e de atención primaria e especializada que seguimos ampliando e modernizando”, concluíu o conselleiro. 


- Te recomendamos -