O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na LXXIII Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, onde solicitou ao Estado que se siga primando a boa execución dos fondos de emprego que permitiu á Comunidade galega recibir en 2018 un 8,7% máis de investimento
Galicia avoga por seguir priorizando os criterios de eficiencia no reparto dos fondos das políticas activas de emprego e así o defendeu hoxe en Madrid o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na LXXIII Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
O titular de Economía salientou a necesidade de seguir aumentando a eficacia e a eficiencia das políticas activas de emprego apostando, para iso, pola avaliación das mesmas en función dos seus resultados. Conde fixo un chamamento ao Estado para que se siga primando a boa execución dos fondos de emprego como é o caso da Xunta, o que lle permitiu á Comunidade galega recibir en 2018 un 8,7% máis de fondos dos Orzamentos Xerais do Estado, é dicir, 13,3 millóns máis que o ano anterior. Deste xeito, Galicia duplicou a media das comunidades autónomas no reparto de fondos.
O conselleiro explicou que Galicia discrepa dos criterios que propón agora o Estado, lembrando que na última Conferencia de Presidentes Autonómicos o que se propuxo foi unha avaliación das políticas activas de emprego en función dos resultados e, pola contra, na xuntanza de hoxe o Goberno de España avoga por uns criterios nos que se reduce a importancia do cumprimento de obxectivos primando os datos de paro rexistrado e o número de oficinas con presencia de persoal do SEPE que exista en cada comunidade.
Así, o conselleiro espera que o Goberno do Estado mude a súa proposta e volva “a un modelo co consenso das comunidades autónomas” no que prime “unha execución axeitada dos fondos europeos”. Para Conde trátase “dunha mala noticia para o sistema de políticas activas de emprego de España, xa que o Goberno quere cambiar uns criterios de eficiencia por outros que beneficiarán ás comunidades que non están cumprindo os obxectivos e non están actuando conforme aos propios principios da Unión Europea, a orixe dos fondos”, explicou.
Na xuntanza celebrada hoxe en Madrid abordáronse, ademais, outros asuntos como os plans cos que traballa o Estado en materia de formación e emprego xuvenil.
No eido da formación, Galicia mostrouse a favor do proxecto de Real Decreto polo que se regula o Catálogo de Especialidades Formativas para o sistema de formación profesional para o emprego ao seguir a mesma liña de traballo que está desenvolvendo a Xunta desde hai tempo. Neste senso, Conde lembrou que cando se puxo en marcha o programa de Unidades Formativas na Empresa tamén se deseñou, a proposta do propio tecido produtivo, un catálogo de 32 especialidades de formación que foron aprobadas polo Estado con validez, polo tanto, en toda España. Son, polo tanto, especialidades que agora están recollidas no novo catálogo estatal ao que as comunidades aínda poden seguir facendo achegas. Trátase de 32 novas profesións de formación á carta, axustada aos novos perfís profesionais que están demandando as compañías, e que se centran no sector naval, robótica industrial e soldadura.“Saudamos que o Goberno siga esta mesma dirección e que con este catálogo de especialidades aposte, como o fixo Galicia, de forma pioneira, pola formación á carta”, engadiu. Galicia tamén está a apostar por unha formación accesible e, deste xeito, puxo en marcha o programa de Formación á porta para achegar os cursos a aqueles municipios sen centros homologados, o que permitiu mellorar a cualificación profesional de 510 mozos e mozas do rural a través de 32 accións formativas.
Conde agradeceu que o Estado se sume a este obxectivo facendo posible que nos espazos habilitados para impartir formación no rural non sexa exixible a partir de agora un número mínimo de prazas por curso para garantir, desta forma, unha ratio de cobertura máis extensa.
Emprego xuvenilO último dos temas que se abordou na Conferencia foi o referido ao novo Plan de choque polo emprego xuvenil. Conde salientou neste ámbito que a promoción do emprego xuvenil é unha das principais liñas de actuación do Goberno galego sinalando, ao respecto, que unhas das principais novidades para 2019 neste campo será a posta en marcha do programa de Segunda Oportunidade para que os mozos e mozas que non remataron os seus estudos poidan obter as competencias que melloren a súa empregabilidade. Para iso destinaranse 9 millóns de euros ata 2020 para beneficiar a 1000 mozos e mozas ao ano.
Galicia é na actualidade a terceira Comunidade na que no último ano máis baixou o paro dos menores de 30 anos cunha redución do 11,91%.
- Te recomendamos -