Inicio Galicia O director da Axencia Galega de Infraestruturas destaca a defensa activa dun...

O director da Axencia Galega de Infraestruturas destaca a defensa activa dun servizo de calidade na AP-9 aos usuarios

0

Menéndez sinala que a Xunta sempre defendeu a xestión da AP-9 desde o territorio e segue apostando pola transferencia, pois é xuridicamente viable e conveniente para velar por un servizo adaptado ás necesidades dos cidadáns


O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia a defensa activa da Xunta a prol da prestación na AP-9 dun servizo de calidade aos usuarios.

Menéndez recordou que a Xunta sempre defendeu unha xestión da AP-9 desde o territorio, polo que segue apostando pola transferencia, pois é xuridicamente viable e conveniente para velar eficazmente por un servizo máis adaptado ás necesidades reais dos cidadáns.

Destacou o seguimento do Goberno galego con relación á autoestrada, a pesar de ser de titularidade estatal. Así, veu exercendo presión respecto ás obras en Rande, demandando que os traballos con maiores afeccións ao tráfico debían concluír o antes posible.

Explicou que foi tamén a iniciativa autonómica a que motivou unha modificación no proxecto de ampliación para optimizar a coordinación coa autovía do Morrazo e mellorar a mobilidade dos veciños de toda esa comarca.

A Xunta, ademais, consciente dos problemas que se viñan producindo en períodos vacacionais na autoestrada, solicitou a Fomento e a Audasa medidas para evitar problemas nas áreas de peaxe cando fose preciso.

Comisión da AP-9O director da AXI fixo especial fincapé na constitución da comisión da AP-9, que logrou que Galicia por primeira vez poida ter información e expresar a súa opinión sobre a autoestrada.

Subliñou que nese foro se acadaron fitos como o de evitarlles aos galegos pagar 400 M€ en bonificacións dunha peaxe estatal ata a fin da concesión.

Cómpre lembrar que a Xunta, na última reunión desta comisión, lle solicitou ao Ministerio de Fomento que estude medidas para suavizar as subas das peaxes previstas na AP-9 e que negocie con Audasa a flexibilización das tarifas.

Nesta xuntanza, o Goberno galego tamén puxo sobre a mesa as demandas dos veciños de Chapela, sinalando a necesidade de que se axilice ao máximo a execución das obras comprometidas en compensación pola ampliación da autoestrada en Rande. 


- Te recomendamos -