Inicio Galicia Román Rodríguez salienta que a estrea do novo sistema de neve artificial...

Román Rodríguez salienta que a estrea do novo sistema de neve artificial incrementa o potencial da estación de Manzaneda

0

O conselleiro de Cultura e Turismo comprobou hoxe, co presidente da Deputación de Ourense, o resultado da instalación dos 29 canóns e do resto de melloras que permitirán mellorar a calidade das súas pistas e alongar a tempada de inverno


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, supervisou hoxe o resultado da instalación do novo sistema de neve artificial da Estación de Montaña de Manzaneda, a gran novidade na estrea da tempada de esquí que incrementa o atractivo e o potencial dun dos principios recursos do turismo invernal da Comunidade.

O proxecto impulsado entre ambas institucións permitirá alongar o período de apertura do recinto, atraendo máis público nos meses de inverno e consolidando unha infraestrutura máis atractiva e competitiva. Trátase dun proxecto estratéxico para toda a comarca, como subliñou o conselleiro, que vai permitir a produción de neve a través dun proceso natural que asegura un estado óptimo para os usuarios da estación.

En total, instaláronse 29 canóns que permiten cubrir de neve as pistas principais da estación en 50 horas. Abarcan unha superficie de máis de 123.000 metros cadrados con tres capas de neve de, polo menos, 50 centímetros de espesor.

A actuación impulsada busca aumentar o número de días nos que a estación estea aberta e operativa, ao tempo que mellora a calidade da neve, a oferta de servizos e a imaxe turística da zona, co seu correspondente impacto socioeconómico.

Investimentos e compromiso“Desde a Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Ourense, fixemos nos últimos anos grandes investimentos que amosan o noso compromiso con esta comarca e co desenvolvemento desta estación de montaña”, subliñou Román Rodríguez.

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial afirmou que as actuacións presentadas supoñen “un salto cualitativo e innovador para seguir modernizando a infraestrutura máis importante de deportes de inverno e natureza do noroeste da Península Ibérica”.

Xunto ao novo sistema de innivación, introducíronse toda unha serie de melloras nas pistas, nos accesos e nas prestacións da estación. Así, habilitarase unha app para a venda de abonos a través dos teléfonos móbiles, acompañado de ferramentas para a reserva de equipos por internet ou a xestión de grupos, equipamentos e clases, entre outras iniciativas.

Román Rodríguez e Manuel Baltar puideron comprobar in situ o resultado de todos estes traballos, incluíndo as balsas de aproveitamento con capacidade para 25.000 e 13.000 metros cúbicos ou a sala para o control e o sistema de bombeo principal. Na visita estiveron acompañados da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e dos alcaldes da Pobra de Trives e Manzaneda, Domingo Diéguez e Félix Domínguez, respectivamente. Xunto a eles participaron o presidente da Federación Galega de Deportes de Inverno, Miguel Barreto, e Gustavo Samartín, director xeral de Oca Nova Manzaneda, ademais dos encargados do proxecto de obra.

Esta acción enmárcase nos obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que incide na permanente desestacionalización desta actividade e na potenciación dos nosos recursos.

Un 5,7% máis de turistasComo lembrou Román Rodríguez, “Ourense é unha provincia cunha serie de recursos que fan dela un destino singular e moi atractivo durante todo o ano”. Neste sentido, salientou que está a ser a provincia galega cun maior crecemento en materia turística este ano.

De feito, a falta de contabilizar os dous últimos meses, o número de turistas medrou xa un 5,7% e supera os 325.000, cun 4% máis de estranxeiros. O mesmo sucede coa cifra de pernoitas, cunha alza do 1,7% ata rozar as 620.000. Ademais, en eidos tan relevantes para Ourense como o turismo rural, o volume de viaxeiros estase a incrementar ata un 18%.

Manuel Baltar lembrou, ademais, o programa EsquiOU, que a Deputación de Ourense mantén coa estación de montaña, dirixido aos nenos da provincia, que “é un éxito ano tras ano, e todas as melloras que fagamos neste ámbito están focalizadas á cooperación entre administracións, a seguir poñendo en valor esta infraestrutura única en Galicia”.


- Te recomendamos -