Inicio Galicia A Xunta publica unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de...

A Xunta publica unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida para o ano 2019, cun investimento de 250.000 euros

0

Desde a posta en marcha do programa, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu 132 axudas para a adquisición destes vehículos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) para o exercicio 2019, cun investimento de 250.000 eurosDesde o 2016, ano no que a consellería pon en marcha este programa, se concederon 132 axudas para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida.

Na convocatoria se sinala que a cuantía desta axudas por vehículo é de 10.000 euros, sendo obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 16 de outubro de 2018 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación comezará o día 2 de xaneiro de 2019 e rematará o día 13 de outubro do mesmo ano, ou ata esgotar o crédito dispoñible.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Por outra parte, antes do 1 de xullo de 2020 o beneficiario deberá realizar a adscrición do vehículo á autorización de taxi e comezar a prestar o servizo co mesmo.

Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos que deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, reunindo as condicións previstas no Real Decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

Para ampliar a información relativa a estas axudas pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace https: https://bit.ly/2Chwtfr .

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a impulsar a implantación progresiva de vehículos adaptados e accesibles para a prestación do servizo de taxi, xa que ademais de contribuír a incrementar a competitividade do sector e ao fomento do emprego neste colectivo, tamén se lle facilita un pouco a vida ás persoas con mobilidade reducida, avanzando nese grande obxectivo da Xunta que é acadar a inclusión plena das persoas con discapacidade.


- Te recomendamos -