Este grupo de expertos encargarase de incorporar a esa planificación as especificidades e peculiaridades da nosa comunidade, de forma que se defendan e garantan os dereitos dos nosos agricultores e gandeiros
A Consellería do Medio Rural creará un grupo de traballo multidisciplinar para definir e concretar as achegas de Galicia ao Plan estratéxico español da futura Política Agrícola Comunitaria (PAC). Este grupo de profesionais, tanto da propia Xunta como de fóra dela, encargarase de incorporar a esa planificación as especificidades e peculiaridades da nosa comunidade, de forma que se defendan e garantan os dereitos dos nosos agricultores e gandeiros na futura PAC máis alá do 2020.
Así o anunciou hoxe en Bruxelas o conselleiro do Medio Rural, José González, a onde se desprazou para asistir ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas. O titular de Medio Rural sinalou que este grupo de traballo estará integrado por expertos na PAC da Administración autonómica, especialmente da propia consellería e do Fondo Galego de Garantía Agraria. Tamén se estudará a posibilidade de que formen parte del diferentes especialistas de entidades públicas e privadas, co fin de incorporar o maior número de achegas á postura de Galicia en defensa do noso sector agrogandeiro.
O conselleiro sinalou que a nosa comunidade ten unha posición moi clara respecto da futura PAC, froito do consenso coas organizacións profesionais agrarias e as cooperativas e que a Xunta está a defendela nos diferentes foros nos que ten presenza, sempre aberta a novas achegas e suxestións. Por iso, José González lembrou tamén que el mesmo fixo en sede parlamentaria unha chamada ao consenso e ao entendemento con todas as forzas políticas para reforzar esa postura, un chamamento que segue vixente.
Neste sentido, o conselleiro resumiu que Galicia defende unha PAC forte, común, que manteña o actual orzamento e que financie exclusivamente con fondos europeos o seu primeiro piar (as axudas directas). Avoga tamén por medidas que recoñezan as particularidades do noso territorio, por favorecer a incorporación de mozos á actividade agraria e por medidas para paliar as oscilacións dos prezos dos produtos agrarios, entre outros principios.
Ademais, o titular de Medio Rural tamén trasladou que a nosa comunidade aposta polo establecemento dun tope máximo de axuda por explotación de 60.000 euros, para favorecer as pequenas e medianas explotacións, ou a existencia dunha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais.
BioeconomíaAdemais, José González destacou a presentación que se fixo hoxe da actualización da estratexia de bioeconomía europea, cun plan de acción de 14 medidas que buscan potenciar o papel dos produtores primarios (agricultores e gandeiros) nesa estratexia mediante procedementos sinxelos como pode ser a utilización da biomasa forestal.
Así, a través desta estratexia preténdese mellorar o uso sostible dos recursos renovables e, deste xeito, abordar os desafíos globais dende o local, loitando deste xeito contra o cambio climático e a degradación dos ecosistemas apostando polo desenvolvemento sostible.
- Te recomendamos -