Inicio Galicia A Xunta impulsa con 3,6 millóns de euros as exportacións de 600...

A Xunta impulsa con 3,6 millóns de euros as exportacións de 600 pemes e autónomos a través do Plan Foexga

0

A iniciativa, desenvolvida en colaboración coas Cámaras de comercio galegas, apoiará misións comercias directas así como participación en feiras internacionais e en eventos promocionais


O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria do plan de Fomento das exportacións galegas (Foexga), coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, coa que se achegarán 3,6 millóns de euros para impulsar as exportacións de arredor de 600 pemes e autónomos galegos durante os vindeiros anos 2019 e 2020. O incremento no orzamento con respecto á anterior convocatoria acadará os 2,2 millóns de euros e permitirá duplicar o número de empresas beneficiarias, así como ampliar o calendario de actuacións en 10 meses.

A través desta iniciativa, as pemes e autónomos poderán acollerse a unhas 160 accións de internacionalización, entre as que se inclúen misións comerciais directas así como participación en feiras internacionais e en eventos promocionais como congresos, conferencias ou simposios. A Consellería de Economía, Emprego e Industria cobre, a través do Igape e contando co cofinanciamento do fondo Feder, o 90% dos custos.

O Foexga, que se desenvolve en colaboración coas Cámaras de comercio galegas, encargadas de organizar e coordinar as accións, ten entre os mercados prioritarios para esta convocatoria Alemaña, A China, Portugal, Brasil. Colombia, Cuba, Emiratos, Estados Unidos, Marrocos, México, Perú, Reino Unido, Canadá, Chile, Francia, India, Israel, Italia, Rusia, Xapón, países de África Subsaxariana e países de mercados multilaterais, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

A través da convocatoria do Foexga -que se vén de publicar- e das do Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que se abrirán proximamente, a Xunta vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións. Estas tres iniciativas forman parte das accións que se desenvolven a través do Igape para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, que ten como obxectivo manter o bo ritmo exportador da Comunidade.

Logo do récord histórico do 2017, cunhas exportacións que superaron os 21.000 millóns de euros, nos nove primeiros meses deste ano 2018 as vendas ao exterior aumentaron por riba do 7,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Esta tendencia positiva das exportacións permite a Galicia ter un importante peso no conxunto do Estado, xa que as vendas ao exterior galegas suman un 8,1% do total nacional. 


- Te recomendamos -