O convenio asinado con Ingada permite a atención temperá dos nenos e nenas e prestar apoio e asesoramento aos familiares
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, avogou esta tarde pola implicación dos pais e nais, profesorado e persoal facultativo para mellorar a abordaxe da hiperactividade nos nenos, nenas e adolescentes. Fíxoo na clausura dun encontro sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), que organizou a Fundación Ingada e que tivo lugar onte e hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade das burgasNa súa intervención, Amparo González, subliñou a importancia de iniciativas como esta xornada para que profesionais dos diferentes campos que conflúen nesta materia intercambien experiencias e sexa posible unha abordaxe de cada caso máis completo e integral. Nesta liña, fixo fincapé na necesidade de continuar coa labor investigadora para aumentar a eficacia das terapias, ao tempo que valorou o traballo que neste eido está a realizar a Fundación Ingada e o seu presidente, Ángel Carracedo.
Ademais, a directora xeral sinalou destacou que o interese do Goberno galego nesta materia plásmase no convenio de colaboración subscrito coa devandita fundación, que ten como finalidade facilitar o achegamento a un diagnóstico precoz do TDAH mediante unha intervención temperá tanto nos ámbitos educativo como médico. Tamén a través deste convenio préstase orientación e asesoramento ás familias.
Estas xornadas sobre TDAH contaron coa participación de profesionais da educación e da saúde, así como persoas que teñen este trastorno e familiares. Os obxectivos deste encontro, de marcado carácter formativo, foron proporcionar un maior coñecemento sobre o TDAH e os posibles trastornos asociados, así como crear sinerxías entre os ámbitos educativo, o sanitario e as familias das persoas con ditos trastornos.
- Te recomendamos -