Valentín García participou no acto de entrega deste galardón que outorga o concello da Estrada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, partipou este serán no Teatro Principal da Estrada na entrega do Premio de Novela Manuel García Barros á xornalista Ana Cabaleiro pola obra As Ramonas. O galardón -dotado con 9000 euros e a publicación da novela- foi convocado polo Concello da Estrada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia.
Valentín García deulle os parabéns á gañadora por unha novela que “animo a ler a calquera amante da boa literatura, que con seguridade atopará aquí os ingredientes que busca nas súas escollas literarias”, pero tivo tamén palabras de felicitación para o concello da Estrada, “que leva 30 anos organizando este premio e escollendo con acerto as obras galardoadas, o que o converteu nun dos certames máis prestixiosos do panorama literario galego”.
No acto interviñeron tamén o alcalde da Estrada, José López Campos; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; o director da Editorial Galaxia; o secretario do xurado do premio, Carlos Loureiro Rodríguez, encargado de ler a acta, e a autora galardoada, Ana Cabaleiro.
Novela de protagonismo femininoA xornalista Ana Cabaleiro (Silleda, 1974) é a terceira muller en gañar o Premio de Novela Manuel García Barros. Con anterioridade publicara en Galaxia o libro de contos Sapos e sereas (2017). Agora a mesma editorial faise cargo, como parte do premio, da publicación de As Ramonas, unha novela de protagonismo feminino ambientada na súa Silleda natal e noutros concellos próximos, como A Estrada, da que o xurado destacou o fino trazado de personaxes e a calidade da prosa.
Premio Manuel García BarrosO concello da Estrada convoca desde o ano 1989 o Premio de Novela Manuel García Barros. Creado para renderlle homenaxe ao escritor que lle dá nome, ata o presente recibiron o galardón os seguintes autores: Manuel Forcadela, Xosé Miranda, Manuel Riveiro, Xosé Ballesteros, Aníbal Malvar, Manuel Lourenzo, Xavier Queipo, Afonso Álvarez Cáccamo, María Gándara, Xosé Carlos Caneiro, Antón Riveiro Coello, Bieito Iglesias, Miguel Ángel Fernández, Xabier López, Xerardo Agrafoxo, Santiago Jaureguízar, Manuel Veiga, Francisco Castro, Xesús Constela, Xosé Monteagudo, Antón Lopo, Antonio Piñeiro, Santiago Lopo, Ángeles Sumai, Alberto Ramos, Manuel Portas, Miguel Sande, Marcos Calveiro e Ana Cabaleiro.
- Te recomendamos -