Os axentes comisaron 30 quilos de percebes e interviron un vehículo
Axentes do grupo ERPOL da Policía Autonómica investigan a nove persoas por un presunto delito de furtivismo rexistrado na Coruña. Tamén comisaron 30 quilos de percebes e interviron un vehículo.
A través de distintos operativos realizados os días 14 e 22 de novembro, axentes da Policía Autonómica, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia, identificaron a 9 persoas que estaban a extraer ilegalmente percebe na zona da Torre de Hércules e que, ademais, viñan amosando un comportamento violento cos vixilantes da Confraría de pescadores da Coruña.
Os investigados estaban a realizar a extracción furtiva na zona situada en torno ao Acuario da cidade e ata a zona próxima á praia de San Amaro. Toda esta franxa encóntrase vedada e pechada para a extracción do percebe, por estar en “paro biolóxico”, co fin de preservar a rexeneración natural do marisco. De feito, esta zona padece unha diminución moi considerable do recurso causada, precisamente, pola acción furtiva do ser humano.
Esta actividade furtiva, ademais de supoñer un problema biolóxico para a rexeneración da especie, tamén xera un prexuízo económico para o presente e futuro do pósito coruñés.
- Te recomendamos -