Inicio Galicia A Xunta pon en marcha dúas iniciativas na Eurocidade Chaves Verín para...

A Xunta pon en marcha dúas iniciativas na Eurocidade Chaves Verín para impulsar a inclusión laboral e no eido do tempo libre

0

Máis de 60 mozas e mozos de Galicia e Portugal participan nestas xornadas que se celebrarán durante toda a fin de semana

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pon en marcha hoxe unhas xornadas formativas no eido do tempo libre e un Encontro da xuventude emprendedora e Feira de emprego no marco do proxecto Eurocidade_2020.

Nestas iniciativas, que se poñerán en marcha esta tarde e que continuarán todo o fin de semana na sede da Eurocidade Chaves Verín, participan máis de 60 mozas e mozos de Galicia e Portugal con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. A participación é gratuíta e inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa.

Con respecto ás xornadas, teñen como obxectivo apoiar e complementar o itinerario formativo dos mozos e mozas e achegar recursos para a inclusión nas actividades no eido do tempo libre. Conteñen un completo programa de actividades con paneis de experiencias sobre a inclusión de colectivos con diversidade funcional e centros de menores nas actividades de tempo libre; unha ruta interpretada e un taller sobre o uso da natureza como recurso para a inclusión; un coworking como forma de traballo e cohesión de empresas; e un taller sobre a metodoloxía e didáctica para a inclusión e o uso da música como recurso para o tempo libre. A estas actividades, que se celebrarán entre hoxe e mañá, anotáronse 24 mozas e mozos.

Pola súa parte, as 42 persoas inscritas no Encontro da xuventude emprendedora e Feira de emprego terán apoio na súa orientación profesional e inserción laboral, así como recibirán ferramentas para o itinerario persoal e profesional. Ademais da feira de emprego, tamén participarán en dous talleres formativos sobre emprendemento.

Así mesmo, no marco do proxecto Eurocidade_2020, desenvolverase un curso de monitor de tempo libre impulsado polo Instituto Portugués do Desporto e da Juventude (IPDJ).

Proxecto Eurocidade_2020Estas iniciativas enmárcanse no proxecto ‘A Eurocidade Chaves Verín como ferramenta de aproximación de Europa 2020 aos cidadáns’ (Eurocidade_2020) aprobado ao abeiro do programa Interreg España Portugal 2014-2020 que ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sostible.

A entidade xefa de fila do proxecto é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves Verín e como socios están a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ), o Concello de Verín e a Cámara Municipal de Chaves.

O orzamento total do proxecto, cun financiamento dun 75 % de fondos Feder, ascende a 1,7 millóns de euros e estenderá a súa vixencia ata o 2019. Deste orzamento total, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado achega máis de 180.000 euros. O seu principal obxectivo é dar cumprimento, en proximidade, aos fins da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da cooperación transfronteiriza como elemento xerador de crecemento intelixente, inclusivo e sustentable, a favor da mellora da calidade de vida dos cidadáns.


- Te recomendamos -