Vázquez Mourelle subliña que, na súa experiencia, as bases da profesión son buscar a funcionalidade e a eficiencia, o esforzo para acadar os obxectivos e o enxeño para resolver os problemas
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe á despedida da promoción XXIII de enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, na que salientou a importancia de sumar nos proxectos a sensibilidade coas persoas e o territorio para mellorar a calidade de vida de todos.
Vázquez Mourelle subliñou que, na súa experiencia, os principios básicos da profesión son buscar a funcionalidade e a eficiencia, é dicir, ser prácticos; o esforzo para acadar os obxectivos; e o enxeño para resolver os problemas.
Indicou que o cometido dos enxeñeiros de Camiños, de Obras públicas ou Civís “vai moito máis alá do formigón”, xa que traballan no eido do medio ambiente, da saúde, do mar ou da ordenación do territorio.
Concretou que estes profesionais velan pola seguridade viaria, coidan o litoral, constrúen portos, rexeneran os montes, melloran a calidade das augas, executan sanidade pública, avanzan en I+D ou facilitan a mobilidade, entre outras funcións.
A Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, segundo sinalou a conselleira, ten proporcionado a Galicia profesionais de primeiro nivel, con coñecementos técnicos e experiencia que poñen á comunidade á vangarda europea e mundial.
Precisou que o selo internacional Eur-Ace, que sitúa a esta escola como o primeiro centro de Galicia en conseguir esta acreditación, é unha nova mostra da profesionalidade, da calidade e da excelencia deste centro e do sistema universitario galego.
A titular autonómica de Infraestruturas felicitou aos estudantes, así como ás súas familias, e achegoulles bos desexos de cara o futuro a través dunha frase de Michael Jordan: “o talento gaña partidos, pero o traballo en equipo e a intelixencia gañan campionatos”.
- Te recomendamos -