Destaca que a Xunta destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para fomentar os investimentos en creación, ampliación e modernización da nosa industria agroalimentaria
A Consellería do Medio Rural destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para fomentar os investimentos en creación, ampliación e modernización da nosa industria agroalimentaria, segundo destacou o conselleiro José González durante a súa visita ás instalacións de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) en Ames (A Coruña). Neste acto o titular de Medio Rural fixo especial fincapé na importancia da “forma empresarial” das cooperativas que –dixo– son verdadeiros “motores do sector agrogandeiro e sen elas o lácteo non sería o que é hoxe en día na nosa comunidade”. Ademais, indicou que esta visita ten por obxecto coñecer in situ unha industria “paradigmática” dentro do sector leiteiro, como é Clun, co fin de afondar en todo o proceso de produción, procesado e comercialización.
Así, sinalou tamén que o lácteo é para a Xunta “un sector estratéxico” dentro de Galicia e por iso “se fai unha aposta importantístima” polo seu impulso, no marco do apoio xeral á industria agroalimentaria. Cómpre lembrar que o sector alimentario da nosa comunidade está formado por preto de 1.700 empresas, cunha facturación superior aos 4.500 millóns de euros e dá emprego a unhas 18.500 persoas.
O percorrido de José González polas instalacións de Clun complementarase cunha visita á Sociedade Agraria de Transformación Busto Corzón, situada en Mazaricos e que entrega leite á cooperativa. En relación coas explotacións, o conselleiro avanzou que o vindeiro ano Medio Rural destinará 39 millóns de euros en axudas para fomentar a súa modernización.
Estas achegas para plans de mellora teñen por obxecto potenciar a competitividade das nosas explotacións e facelas máis rendibles. Así, ao abeiro destas achegas subvencionaranse os investimentos materiais ou inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade da explotación.
Ademais, o conselleiro José González sinalou que estas achegas complementan as subvencións para fomentar a remuda xeracional e acadar rendemento económico a través dunha actividade de futuro como é a gandaría. Neste aspecto, cabe lembrar que desde o ano 2009 a Consellería do Medio Rural tramitou case 5.000 expedientes de axudas para mellorar as explotacións, cun investimento total de case 360 millóns de euros e cun apoio da Xunta por importe total de 167 millóns de euros.
- Te recomendamos -