Inicio Galicia A modificación do regulamento da Lei do solo contribuirá a dinamizar e...

A modificación do regulamento da Lei do solo contribuirá a dinamizar e fixar poboación no rural ao facilitar a construción e rehabilitación de vivendas

0

Asevera que se establece un novo réxime para as vivendas en solo rústico, facendo un recoñecemento decidido deste como solo produtivo que potenciará os usos económicos sen contradición coa preservación dos valores naturais e culturais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a autorización no Consello da Xunta da modificación do regulamento da Lei do solo, co obxectivo de subsanar aspectos que se detectaron durante a súa vixencia e evitar dúbidas na súa interpretación; garantir a seguridade xurídica e facilitar súa aplicación; e contribuír a dinamizar e fixar poboación no medio rural galego, facilitando o apoio á construción e rehabilitación de vivendas.

Sobre este punto, Feijóo aseverou que se establece un novo réxime para as vivendas en solo rústico, facendo un recoñecemento decidido do solo rústico como solo produtivo que potenciará os usos económicos sen contradición coa preservación dos valores naturais e culturais.

Esta modificación completa a regulación do suposto excepcional de vivendas vinculadas a explotacións agropecuarias, permítense vivendas para temporeiros cando o ciclo dos produtos esixa, periodicamente, o traballo coordinado de persoas que a oferta laboral local non pode atender. E, fóra de temporada, poderán destinarse a outros usos admitidos en solo rústico.

Tamén se permitirán vivendas para persoas que exerzan tarefas de vixilancia, asistencia, xestión ou control derivadas das características da explotación e sempre por razóns xustificadas autorizarase unha segunda construción destinada a vivenda, aínda que exista unha vivenda familiar asociada á mesma explotación. Un suposto que servirá, por exemplo, para facilitar a remuda xeracional nas explotacións, de forma que os mozos que as asuman teñan a posibilidade de ter a súa propia vivenda.

Así mesmo, potenciarase o turismo en solo rústico, especialmente o relacionado cos camiños de Santiago ao concretar o concepto de albergues turísticos vinculados á rede dos camiños, xa que serán considerados como tales os que se empracen: nun ámbito con declaración de ben de interese cultural; nas contornas de protección e zona de amortecemento dos camiños que conten cunha delimitación aprobada definitivamente conforme ao procedemento específico; e os que se empracen na franxa de 30 metros dos camiños non delimitados. En segundo lugar, apostarase pola rehabilitación das construcións tradicionais existentes en calquera categoría de solo rústico ou en núcleo rural para recuperar a riqueza do patrimonio construído no rural. O presidente da Xunta precisou que na mesma edificación pode desenvolverse máis dun uso.

En terceiro lugar, cómpre subliñar que se introducen unha serie de cambios a nivel administrativo e de planeamento urbanístico para recoller e clarificar o ámbito de aplicación do Plan básico autonómico en vigor desde outubro deste ano. Un plan que será de aplicación directa nos concellos que non contan cun instrumento de planeamento xeral.

Así mesmo, adecúase a normativa vixente ás titulacións requiridas para o exercicio de determinadas funcións, substituíndo as referencias ás antigas licenciaturas polas titulacións equivalentes ao abeiro dos novos plans educativos.


- Te recomendamos -