Precisa que este será o primeiro proceso global de funcionarización que desenvolve a Administración galega en toda a súa historia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a oferta de emprego público da Administración xeral da Xunta para 2018 se incrementa ata as 2.225 prazas, o triplo que en 2017. Deste xeito, o total do número de prazas de emprego público ofertadas pola Xunta neste ano 2018 chega a 5.736, a cifra máis alta desde o 2008.
Feijóo subliñou que “calquera persoa que queira estudar un temario destas oposicións vai a ter prazas de abondo para poder optar a un emprego definitivo na Administración autonómica” e tamén se garante o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa están traballando na Administración galega.
Deste xeito, do total de prazas: 1.448 son de acceso libre; mentres que, as 777 restantes están reservadas para promoción interna, incluíndose neste último apartado o primeiro proceso xeral de funcionarización do persoal laboral que se fai na Administración galega.
Ademais, a reserva de prazas para persoas con discapacidade nesta oferta de emprego público acada o 9,37%. E, desta forma, a reserva é maior do que establece a lexislación, que marca un mínimo dun 7%. Cómpre destacar que, dentro do acceso libre, as novas prazas permitirán reforzar eidos de actuación prioritarios para a Xunta como: servizos sociais, a loita contra a fraude fiscal, o servizo de extinción e prevención de incendios, o asesoramento xurídico ou os servizos xerais e de administración.
Así, por exemplo, a oferta aprobada inclúe: 204 prazas de auxiliares (C2); 217 de persoal subalterno; 70 no servizo de prevención de incendios, na escala de bombeiro forestal (C2); 165 de auxiliares de clínica (C2); 55 de psicólogos (A1) ou 51 de educadores sociais (A2). En concreto, a oferta de emprego público para 2018 inclúe prazas para a estabilización do emprego temporal, incorporando prazas que responden a necesidades estruturais, dotadas orzamentariamente e ocupadas de forma temporal e ininterrompida nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2017. Tamén se incorporan prazas para a consolidación de emprego temporal, sendo tamén prazas de carácter estrutural, dotadas orzamentariamente e desempeñadas interinamente con anterioridade a xaneiro de 2005, como establece o Estatuto Básico do Empregado Público de 2015.Ás prazas de acceso libre súmanse outras 200 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. E, como novidade este ano, inclúense outras 577 prazas para o proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.
Sobre este punto, Feijóo precisou que este será o primeiro proceso global de funcionarización que desenvolve a Administración galega en toda a súa historia, un proceso previsto na Lei de Emprego Público de 2015 e que foi pactado entre a Administración e os sindicatos en diversos acordos.
Ademais deste decreto, hoxe apróbase outro de oferta de emprego público para persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria: en total 61 prazas, das cales 7 corresponden á taxa ordinaria de reposición de efectivos e 54 á taxa adicional, para a estabilización de emprego temporal do sector da saúde pública e a administración sanitaria. Esta convocatoria inclúe prazas de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos ou farmacéuticos inspectores de saúde pública.
Feijóo concluíu subliñando que, con esta oferta de emprego público, a Xunta ten ofertado xa máis da metade das 15.000 prazas comprometidas no Plan de estabilidade no emprego público para o período 2017-2020, asinado entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais.
- Te recomendamos -