Inicio Galicia Educación licita a obra do novo CEIP Sagrado Corazón (Lugo) por 4,6...

Educación licita a obra do novo CEIP Sagrado Corazón (Lugo) por 4,6 millóns de euros

0

O edificio, que está previsto que estea en funcionamento no curso 2020/21, terá espazo para 450 alumnos


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de licitar a construción do novo CIP Sagrado Corazón (Lugo) por un importe de 4,6 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses. As empresas interesadas en executar esta obra teñen ata o 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Así o avanzou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nun encontro que mantivo esta mesma tarde coa dirección do centro e representantes da asociación de nais e pais e que serviu tamén para presentar os detalles do proxecto construtivo. A xuntanza responde ao compromiso adquirido desde a administración autonómica de manter informada á comunidade escolar dos pasos que se están a dar para facer realidade este ambicioso proxecto.

Características do novo centroEsta nova infraestrutura educativa, que está previsto que entre en funcionamento no curso 2020/21, dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e o seu contorno, asumindo a zona de influencia do CEIP existente así como os futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2, con 18 unidades e cabida para 450 alumnos. Deste xeito disporá de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 aulas de educación primaria, ademais de 4 aulas de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música, aula de informática, biblioteca e ximnasio. Ademais disponse zona de administración e servizos comúns, así como un comedor con office para catering.

Canto a equipamentos deportivos, o novo centro contará cunha pista polideportiva cuberta, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria unha construción de en torno a 3.000 m² de superficie construída.

Logo de completar os trámites administrativos, as obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, poderán comezar a finais do primeiro trimestre de 2019.

Balseiro, que destacou que a obra de construción do novo colexio é unha das actuacións máis importantes das que a Xunta ten previsto acometer na cidade de Lugo para o ano próximo, destacou tamén o feito de que a licitación da obra teña lugar de xeito paralelo ao remate dos traballos de elaboración do proxecto construtivo, un paso co que se busca axilizar ao máximo esta obra.


- Te recomendamos -