Inicio Galicia Medio Rural renova a súa frota de vehículos con 40 novos automóbiles...

Medio Rural renova a súa frota de vehículos con 40 novos automóbiles para dar mellor servizo a agricultores e gandeiros

0

Un total de 34 destes vehículos servirán para facilitar o traballo dos funcionarios da Subdirección de Explotacións Agrarias e os seis restantes serán para o persoal do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe na Cidade da Cultura a entrega de 40 vehículos que servirán para renovar a frota do seu departamento. Estes automóbiles destinaranse aos labores propios do persoal da consellería, dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Así, no primeiro caso, un total de 34 vehículos serán para o desenvolvemento da actividade do persoal da Subdirección xeral de Explotacións Agrarias e os seis restantes son todoterreos para o persoal do Fogga. O investimento total para a adquisición destes automóbiles roldou os 570.000 euros.

Neste acto o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou que estes medios repartiranse entre diferentes oficinas agrarias comarcais e entre os servizos provinciais da consellería. Trátase, dixo, de dotar ao persoal dunha maior mobilidade, fundamental para a realización das súas funcións sobre o territorio, tendo en conta que esta consellería é un departamento moi apegado ao terreo. Por iso, sinalou, cómpre ter en conta o elevado grao de dispersión da poboación rural, que obriga a ter unha axeitada resposta ás súas necesidades.

Coa entrega destes vehículos búscase facilitar aos agricultores e gandeiros información e asistencia en moitas das súas tarefas, así como –no caso do Fogga– garantir a correcta utilización dos recursos que se poñen ao seu dispor e nomeadamente das axudas europeas.

Finalmente, José González fixo un recoñecemento expreso ao labor do persoal da Consellería do Medio Rural, que cualificou como un grupo de gran calidade tanto profesional como humana, polo que engadiu que é preciso optimizar os recursos dispoñibles para que poidan realizar ese traballo do xeito máis eficiente posible. Por último, o titular de Medio Rural destacou que esta entrega forma parte do compromiso da consellería por mellorar as súas dotacións como medio para mellorar, tamén, a atención que se presta aos agricultores e gandeiros.


- Te recomendamos -