Inicio Galicia Os concellos lucenses reciben este ano preto de 20 millóns de euros...

Os concellos lucenses reciben este ano preto de 20 millóns de euros do Fondo de Cooperación da Xunta para investir nas obras e servizos que estimen prioritarios

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este orzamento distribúese a todos os municipios en base a criterios obxectivos acordados coa Fegamp, especialmente relativos á poboación


A Xunta de Galicia distribuíu este ano preto de 20 millóns de euros entre os concellos lucenses ao abeiro do Fondo de Cooperación Local, un orzamento que poden destinar ás obras e servizos da súa competencia que consideren prioritarios. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance deste programa, que se abona aos concellos en 12 mensualidades e a mes vencido, polo que xa teñen recibido o 92% do total deste ano.

Destacou que se trata dun orzamento que “chega á totalidade dos concellos da nosa provincia” e que se distribúe en base a criterios obxectivos que ademais son pactados con carácter previo coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

Entre estes criterios, teñen un peso específico os relativos á poboación -especialmente o número de habitantes pero tamén o número de persoas maiores de 65 anos-, así como a superficie do concello e a cantidade de núcleos de poboación.

Balseiro avanzou que no vindeiro exercicio a Xunta aumentará un 2,5 por cento o Fondo de Cooperación Local, ata os 128,7 millóns par ao conxunto de Galicia, o que significa que haberá 485.000 euros máis para os concellos lucenses.

Polo que respecta ao presente ano, destacou a contía que percibe o concello da capital, 2.846.000 euros, o único da provincia que figura no grupo de de máis de 50.000 habitantes. Establécese un segundo grupo para municipios de entre 15.000 e 50.000 habitantes nos que se sitúan Monforte de Lemos, que recibe 732.750 euros; Vilalba, con 919.250 euros, e Viveiro, con 532.070 euros.

Os 63 concellos restantes da provincia inclúense no terceiro e último grupo, o de municipios de menos de 15.000 habitantes, e reciben en conxunto 14.327.500 euros.

Distribución por comarcasJosé Manuel Balseiro explicou a distribución do Fondo de Compensación nas distintas comarcas da provincia.

Así, os 15 concellos da comarca da Mariña reciben 3.800.000 euros; no sur da provincia, os 12 concellos das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada reciben 3.365.000 euros; na Terra Chá e Meira 12 concellos reciben 3.507.000 euros; na comarca de Lugo, oito concellos reciben 4.438.000 euros; os sete concellos da comarca de Sarria suman 1.587.000 euros; os seis dos Ancares 1.261.500 euros; os tres da comarca de Fonsagrada 705.500 euros, e aos tres concellos da Ulloa correspóndenlles 691.000 euros.

Balseiro incidiu en que con estas achegas a Xunta “quere contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as necesidades dos seus veciños e o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza”.“Se hai un goberno que traballa por todos os veciños da provincia por igual, este é o da Xunta de Galicia -afirmou-, que se esforza por satisfacer as necesidades de todos os lucenses, vivan onde vivan, e amosa o seu respecto pola autonomía dos concellos”, que poden destinar estes fondos a obras, servizos, persoal, gastos correntes, e os que eles determinen para gastos e inversións acordes coas competencias municipais.


- Te recomendamos -