O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello onde destacou os case 358.000 euros que suporán estes traballos
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Valga co obxectivo de anunciar ao alcalde da localidade, José María Bello Maneiro, da licitación das obras de mellora da estrada PO-190.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez.
A licitación publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, e suporá a execución de novas beirarrúas, así como a mellora das xa existentes. Tamén se levará a cabo a subsanación dos deterioros ocasionados polas fugas de auga da rede de pluviais e a súa renovación. Os traballos executaranse ao longo de 1.300 metros, dende o punto quilométrico 0 ata o 1+270.
Tal e como explicou Cores Tourís, as obras previstas contemplan a ampliación e mellora das beirarrúas así como a regularización con novo pavimento para mellorar a mobilidade e seguridade dos peóns. Tamén se colocarán varandas nas zonas de desniveis que garantirán a protección fronte a caídas e se redistribuirán e ampliarán os vaos peonís existentes,. Sobreelevaranse os pasos de peóns para reducir a velocidade do tráfico mellorando a seguridade viaria e executaranse muros de contención para a sustentación das beirarrúas existentes.
Por outra banda, tamén se repararán os colectores de pluviais que mostren deterioros e se executarán novos pozos de rexistro, substituíndose os anteriores. Adaptaranse os servizos existentes e repararanse as zonas de afundimento do firme, con reposición das gabias de colectores de pluviais.
O trazado será tratado cunha mestura bituminosa e repintaranse as marcas viarias e a sinalización horizontal e vertical.
O orzamento destas obras é de case 358.000 euros, e o prazo de execución das mesmas, que non necesitaron expropiacións, será de cinco meses.
- Te recomendamos -