Inicio Galicia Feijóo destaca que os máis de 3,6 millóns de peregrinos que desde...

Feijóo destaca que os máis de 3,6 millóns de peregrinos que desde 1993 ata hoxe chegaron a Santiago non viaxaron ao pasado senón ?a un futuro capaz de integrar épocas, culturas e vivencias?

0

Apela á responsabilidade de acrecentar o valor dun Camiño que discorre por distintas rutas e transcorre por máis de 100 concellos, cun programa de rehabilitación, restauración e valorización dos bens de interese cultural afectados


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que os máis de 3,6 millóns de peregrinos que desde 1993 ata hoxe chegaron a Santiago de Compostela non viaxaron ao pasado senón “a un futuro capaz de integrar épocas, culturas e vivencias”. Así mesmo, apelou á responsabilidade de acrecentar o valor dun Camiño que discorre por distintas rutas e transcorre por máis de 100 concellos, cun programa de rehabilitación, restauración e valorización dos bens de interese cultural afectados. “E farémolo, facendo desa nova cita coa historia -o Xacobeo 2021-, un acontecemento comunitario do cal todos os galegos temos que formar parte”, aseverou.“Queremos proxectar aínda con máis forza tanto o que Galicia é, como o que Galicia representa”, dixo, recordando que o éxito do Xacobeo, “o recoñecemento internacional que estamos celebrando neste acto”, lle deben moito á implicación de todo o país. “O peregrino é acollido por unha terra, unha historia, unha espiritualidade, pero sobre todo, por homes e mulleres que recibiron dos seus devanceiros o regalo da hospitalidade”, sentenciou.

Durante unha visita á mostra Fotos dos XXV anos da Declaración do Camiño Francés en España, subliñou que Galicia ten unha presenza moi destacable na selecta lista do Patrimonio Mundial, coa Muralla de Lugo, a Torre de Hércules e os Camiños do Norte. Hai soamente dúas semanas a Pedra Seca incorporábase ao Patrimonio Cultural da Humanidade e, agora mesmo, están en marcha tres candidaturas: a Ribeira Sacra, as Cíes-Illas Atlánticas e O Ferrol da Ilustración, ademais da celebración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego incidiu en que hai 25 anos os galegos dixemos que queríamos ser como somos, restaurando o mellor da nosa herdanza para transformala en algo atractivo para nós e para a nosa veciñanza, “que é tanto como dicir o mundo enteiro”, afirmou.

Feijóo referiuse tamén a esta celebración como unha dobre homenaxe a Galicia, como gardiá do primeiro europeísmo e dun primitivo sentimento democrático. “O Camiño de Santiago dálle ao pobo un protagonismo único, ata o punto de que poderíamos ver nel un Parlamento Europeo itinerante no que se forxa un europeísmo natural e políglota”, asegurou, ao que engadiu que, a diferenza doutros fitos que figuran no catálogo elaborado pola Unesco, o Camiño non é algo inerte senón un organismo vivo formado por todos os peregrinos que, camiñando, o fixeron.

Así mesmo, sostivo que este aniversario ten nos nosos días un valor especial nesta altura do século XXI, onde tratan de erguerse muros onde hai camiños.

Diante disto, aseverou que quizais o perigo maior consista en pensar que existen principios inamovibles e indiscutibles, como a democracia, a convivencia ou a unidade, cando é preciso “practicalos, difundilos, melloralos e mesmo depuralos de erros e comportamentos pouco saudables”. Non en van, os momentos máis funestos da historia foron posible pola concorrencia da acción e da inhibición: “A acción dos inimigos do entendemento e a inhibición de todos os que crían que as virtudes sociais e políticas se defenden soas”, abundou.

O presidente da Xunta concluíu avogando por vigorizar e reforzar os camiños, porque “cando son os camiños os que marcan a pauta, os pobos encóntranse, fórmanse nacións solidarias e os estados asócianse”.


- Te recomendamos -