A convocatoria deste ano contou cun orzamento que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas; que tamén beneficiará a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación; e que xerará 72 empregos cualificados
A Xunta vén de resolver a cuarta edición do programa Conecta Peme que, nesta convocatoria na área de Santiago financiará 32 proxectos cun investimento público de 4,7M€ que suporán un investimento total de 8M€. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou, esta mañá, as instalacións de Talendis Interesa S.
L., unha das beneficiarias destas axudas para informar sobre as mesmas. Esta empresa ten como obxecto a investigación industrial sobre embalaxe de madeira con madeira local.
O obxectivo desta iniciativa do goberno autonómico é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico. Na provincia da Coruña esta orde de axudas chegará a 90 empresas cun investimento público de 11,4M€ para mobilizar un total de 20,3M€.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina nesta convocatoria un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27M€ en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación que xerarán 72 empregos cualificados.
Os proxectos están relacionados co desenvolvemento experimental, con potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e coa investigación industrial. As iniciativas aprobadas desenvolveranse ata o 2020 e executaranse nun prazo de 2 ou 3 anos.
Entre as novidades desta convocatoria destacaron, ademais do incremento do orzamento, a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e do potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.
Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, Conecta Peme é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas.
- Te recomendamos -