O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no CIS Galicia de Ferrol no encontro ‘Políticas públicas e boas prácticas empresariais de deseño para a innovación’, onde se promoveu o intercambio de experiencias e coñecemento de casos de éxito O conselleiro tamén avanzou que en 2019 Galicia seguirá sendo referente con novas medidas como a activación de instrumentos financeiros específicos ou a posta en marcha dunha colección de mostras de novos materiais
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Fancisco Conde destacou, durante a súa intervención no encontro Políticas públicas e boas prácticas empresariais de deseño para a innovación, celebrado esta mañá no CIS Galicia en Ferrol, que a Xunta aposta por que Galicia estea á vangarda en deseño para lograr unha maior competitividade e presenza das empresas galegas no mercado: “Contamos cunha estratexia conxunta co tecido produtivo e os axentes do sector na que o deseño é un elemento de competitividade para desenvolver novos produtos e procesos que servirán de panca para gañar novos mercados”, explicou.
Na súa intervención, Conde destacou que en 2019 Galicia seguirá impulsando o deseño a través de accións que incidan en lograr que se entenda como un factor estratéxico máis aló do seu valor estético; capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e o apliquen á innovación en produtos, servizos, procesos e estratexias de negocio; e en poñer en valor a figura dos deseñadores como elemento de competitividade.
Neste sentido, avanzou que o ano que vén se presentará o mapa de provedores de servizos de deseño en Galicia, un catálogo online para favorecer as colaboracións profesionais e visibilizar o traballo tanto entre as empresas como entre a sociedade; activaranse instrumentos financeiros que impulsen proxectos de innovación sustentados no deseño; e poñerase en marcha no CIS Galicia unha colección de mostras que permitirá coñecer as diferentes posibilidades de aplicación de novos materiais.
Co obxectivo de promover o intercambio de coñecemento e de experiencias sobre políticas públicas e boas prácticas empresariais no impulso do deseño, os asistentes ao encontro celebrado hoxe puideron achegarse á organización da Porto Design Biennale como exemplo de boas prácticas de políticas públicas de deseño para a innovación desenvolvidas en Portugal. Tamén se analizou a necesidade de contar cun ecosistema sólido e coordinado da man das asociacións europeas de deseñadores, que se completou coa perspectiva das asociacións española e galega. Coñecéronse boas prácticas empresariais de varias compañías galegas líderes nos seus sectores –Estrella Galicia, Finsa, Selmark, Tattoo Contract, Pazo de Vilane e D-due– e os casos de éxito dos premiados na última edición dos premios Paraugas, do Clúster de Comunicación Gráfica. No marco do Encontro tamén se presentaron a exposición e publicación Galicia. O deseño como motor, que fai un percorrido pola nosa historia. Neste sentido, Conde destacou que Galicia “conta con moitos referentes desde Sargadelos, a través de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo Pardo, ata a actualidade”.
A xornada pecha o primeiro semestre de actividades desde a posta en marcha do Programa de Deseño para a Innovación 2020 co que Galicia se converteu nunha Comunidade pioneira ao apostar por un plan específico de impulso do deseño como motor de innovación e competitividade. Nestes primeiros seis meses, medio milleiro de persoas e medio centenar de expertos participaron en eventos como o I Encontro de Deseño para a innovación empresarial, a xornada sobre ecosistemas de deseño a nivel estatal ou o ciclo de workshops. Ao tempo, estableceuse un diálogo fluido co sector para coñecer as súas demandas e implicalos nesta estratexia.
- Te recomendamos -