O acordo de carreira profesional do Sergas sitúa este recoñecemento entre os mellores de España, con contías por riba da media da remuneración deste concepto no resto Sistema Nacional de Saúde
Os profesionais do Servizo Galego de Saúde percibirán na súa nómina do mes de xaneiro de 2019, os complementos relativos ao recoñecemento da carreira profesional, que implicarán un incremento retributivo medio dun 6%. O pago do complemento derivado será abonado nun 60% no ano 2019, para chegar ao 100% da contía a partir do ano 2020. A medida suporá un custe de preto de 40 millóns de euros.
O acordo da carreira profesional, acadado en xullo pasado entre o Sergas e as organizacións sindicais (CESM, SATSE, UGT, CSIF e CIG), sitúa este recoñecemento entre os mellores de España, con contías por riba da media da remuneración deste concepto no Sistema Nacional de Saúde. Ademáis, as bases da carreira profesional do Sergas blindan a equiparación plena dos dereitos recoñecidos de todo o persoal sanitario e non sanitario e o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino.
Este acordo súmase ao conxunto de medidas xa adoptadas no eido da sanidade pública na procura da mellora das condicións de traballo do persoal do Sergas, como é a convocatoria de OPES anuais, o Plan de estabilidade laboral, a flexibilización da idade de xubilación ou o Pacto de contratación temporal.
En efecto, mantivéronse e incrementáronse cuantitativamente as OPES de forma continuada nos últimos anos, así a oferta do ano 2016 foi de 818 prazas, para practicamente duplicarse no ano 2017, cun total de 1.616 prazas. E acaba de presentarse a OPE 2018 con 1.400 prazas para persoal estatutario, esgotando a taxa de reposición.
O Sergas achégase así ao compromiso adquirido cos sindicatos a través do Plan de Estabilidade de acadar como obxectivo final no ano 2020 un total de 5.000 prazas. Isto permitirá situar a taxa de temporalidade na porcentaxe do 5%, tres puntos por debaixo do acordado a nivel estatal.
Ademáis, as ofertas públicas de emprego dos últimos anos centráronse na atención primaria. Ao respecto, o pasado 25 de novembro, celebráronse as probas para cubrir 241 prazas de médico de familia. En total, no período período 2012-2017 ofertáronse 1.358 prazas de medicina de familia e enfermería.
- Te recomendamos -