Inicio Galicia A nova Estratexia de economía social promoverá unha Galicia máis igualitaria impulsando...

A nova Estratexia de economía social promoverá unha Galicia máis igualitaria impulsando o papel da muller nas empresas

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento para explicar a primeira folla de ruta que neste ámbito aproba a Administración galega para promover máis oportunidades neste tipo de entidades

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento para informar sobre a primeira Estratexia galega de economía social, que tras un proceso participativo e contar co consenso das entidades máis representativas do sector, busca impulsar unha Galicia máis igualitaria e con máis oportunidades poñendo o foco nas empresas centradas nas persoas, nas que promoven unha maior cohesión social e territorial, e reforzando o papel da muller promovendo o seu acceso ao emprego e a postos de responsabilidade na economía social.

A nova folla de ruta conta cun orzamento de 73 millóns de euros para poñer en marcha nos próximos tres anos un total de 25 medidas das que 11 son novas. O obxectivo é incrementar nun 10% as entidades de economía social coa creación de 300, chegando ás 3300; aumentar nun 20% os empregos (3000 novos empregos), alcanzando os preto de 17.500; acadar o 50% de mulleres promotoras nas novas cooperativas e sociedades laborais; e reducir á metade o tempo de constitución deste tipo de compañías. Toca expuxo que o fin último é fortalecer a economía social xerando máis emprego e de máis calidade asentado no territorio galego.

A Estratexia vai dirixida principalmente ás cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral e recolle, segundo explicou Toca, as medidas de promoción, estímulo e desenvolvemento da Lei de economía social de Galicia, coa que se está poñendo en valor este sector dotándoo da relevancia que merece e impulsando a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable. Así, a secretaria xeral de Emprego sinalou que a nova planificación inclúe tres retos para sumar capacidades, sumar sustentabilidade e sumar identidade.

Para sumar capacidades, poranse en marcha medidas encamiñadas a mellorar a formación para o emprendemento especialmente entre as mulleres, a mocidade e no rural galego, promovendo novos sectores económicos e fomentando a inclusión laboral. Deste xeito, entre as novas actuacións dentro deste reto, Toca destacou o fomento da economía social entre o alumnado de todos os niveis educativos e a aprobación de incentivos para empresas de nova creación baseadas na tecnoloxía, a economía colaborativa ou circular.

Co obxectivo de sumar sustentabilidade activaranse iniciativas orientadas ao crecemento e consolidación das empresas centradas no apoio á innovación, á internacionalización, á cooperación e á transformación e na aprobación de medidas que faciliten a constitución e funcionamento destas entidades, como a modernización e actualización dos rexistros.

Entre os novos programas deste segundo reto, a secretaria xeral fixo fincapé nos servizos que se ofrecerá ao tecido empresarial para a súa transformación en empresas de economía social, que comprenderán un diagnóstico, asesoramento e axudas; e nos apoios para os proxectos de investigación e innovación, facilitando a incorporación da tecnoloxía. Toca tamén indicou que se prestará especial atención ás medidas que favorezan a posta en marcha de novos tipos de cooperativas.

Consello Galego de Economía SocialO terceiro reto da Estratexia–a suma de identidade-busca mellorar a visibilidade e o coñecemento sobre a economía social e a súa importancia sensibilizando sobre os seus valores e promovendo mecanismos de participación. Porase en marcha, entre outras actuacións, o Consello Galego de Economía Social como órgano consultivo e espazo de coordinación entre as diferentes entidades que forman a economía social de Galicia. Entre as funcións deste órgano inclúense a elaboración de estudos e informes e a promoción dos principios da Lei de economía social. “O Consello favorecerá a participación institucional e coordinará as actuacións para o fomento e promoción destas entidades”, engadiu Toca.

Así mesmo, impulsarase a Rede Eusumo que a día de hoxe conta con 206 socios. No que vai de ano asesorou 62 proxectos, organizou 28 cursos de formación e puxo en marcha 72 accións de difusión nas que participaron máis de 1800 persoas.

Para rematar, Toca afirmou que con esta Estratexia demóstrase que a Xunta aposta pola economía social como “garante de un emprego de calidade, un emprego igualitario e un emprego inclusivo”.


- Te recomendamos -