O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que as achegas están dirixidas a homes traballadores e familias monoparentais
A Secretaría Xeral de Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria de axudas destinadas familias monoparentais e homes traballadores que deciden acollerse á redución de xornada para coidar dos seus fillos e fillas.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que na provincia de Lugo hai 15 beneficiarios, aos que se lles concederon achegas por un importe global de 33.600 euros. Do total dos expedientes subvencionados, 6 dos solicitantes son homes e as 9 restantes, mulleres.
Esta convocatoria de axudas ten como finalidade fomentar a corresponsabilidade familiar e favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persoal. A contía oscilan entre os 1.700 e os 3.700 euros e determínase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, e do número de fillos a cargo da persoa solicitante.
As achegas van dirixidas a homes ou familias monoparentais que se acollan á medida da redución da xornada entre o 1 de xuño de 2017 e o 30 de xuño de 2018 e que teñan ao seu coidado fillos ou fillas menores de 3 anos, ou menores de 12 naqueles casos nos que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%.
As persoas beneficiarias das achegas teñen ata o día 26 de decembro como data límite para presentar a documentación xustificativa requirida para proceder ao pagamento das contías concedidas.
O delegado territorial salientou que as medidas para fomentar a corresponsabilidade e favorecer a conciliación son prioritarias para o Goberno galego. Así, apuntou que este ano o orzamento global dirixido na comunidade a estas axudas, cofinanciadas co Fondo Social Europeo (FSE), ascendeu a 554.000 euros, un 25% más que na anterior convocatoria.
- Te recomendamos -