Inicio Galicia A Xunta insta a rematar coas discriminacións da muller no sector pesqueiro...

A Xunta insta a rematar coas discriminacións da muller no sector pesqueiro e acadar a igualdade efectiva entre sexos

0

A titular de Mar destaca o labor do Goberno galego para impulsar a participación da muller en igualdade na toma de decisións, fomentar o asociacionismo feminino e promocionar o emprendemento das mulleres


A Xunta seguirá a traballar para acabar coa discriminación da muller no sector marítimo-pesqueiro e garantir que as profesionais das distintas ramas de actividade contan con iguais soldos, dereitos, prestacións e seguros que os homes. Así o asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da xornada O papel da muller no sector marítimo-pesqueiro: Unha oportunidade de desenvolvemento profesional, na que apostou por avanzar na promoción de accións encamiñadas a recoñecer a cualificación da muller e aumentar a súa formación.

A titular de Mar incidiu en que o Executivo galego leva “máis de 25 anos traballando pola profesionalización e o recoñecemento dos dereitos da muller do mar”, o que permitiu facer visible o seu papel e aumentar a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector. “Reforzamos a presenza efectiva das mulleres nos órganos consultivos, decisorios e representativos garantindo a súa participación na toma de decisións en igualdade, fomentamos o asociacionismo feminino e promocionamos o emprendemento das mulleres”, apuntou a conselleira sobre os pasos dados ata agora.

O encontro que inaugurou a conselleira do Mar enmárcase no Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo e na súa iniciativa Promoción da mellora das competencias profesionais ligadas ao ámbito marítimo-pesqueiro, na que tamén colaboran a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o Campus do Mar, o Campus de Execelencia Internacional do Mar de Andalucía e a Autoridad Portuaria de Huelva. A xornada servirá para analizar, coa participación de grandes profesionais do sector, as condicións socio-laborais das traballadoras do mar.

Quintana explicou que a propia estratexia de crecemento azul considera o rol da muller no ámbito pesqueiro un dos seus grandes piares e lembrou que 2018 está a ser un ano importante para as mulleres do mar pois Galicia converteuse “no porto base da creación da gran rede mundial de mulleres do mar” ao acoller o I Congreso Internacional de Mujeres de la Pesca. Nesa cita, resaltou a conselleira, quedou patente a importante presenza da muller en todos os postos da cadea mar-industria, sendo maioritario nos sectores marisqueiro, redeiro ou conserveiro. Por contra, o seu peso é aínda escaso nos cadros directivos das empresas e na pesca extractiva, ámbitos nos que o Executivo galego aposta por traballar para que haxa avances.

Nese sentido, a titular de Mar salientou que a xornada organizada pola Autoridade Portuaria de Vigo axudará a poñer luz “nalgunhas das moitas sombras que aínda hai sobre o desenvolvemento e a promoción profesional das mulleres no ámbito marítimo-pesqueiro” e a avanzar na capacitación profesional en habilidades sociais, directivas ou de comunicación en en materias como a xestión empresarial ou o uso das novas tecnoloxías.“Xornadas coma esta son as que nos permiten avanzar e tomar conciencia de onde estamos a cara a onde imos”, incidiu Quintana, que destacou o papel do porto de Vigo no enxalzamento da importancia da muller no sector pesqueiro. 


- Te recomendamos -