Aprobáronse 68 achegas económicas por un montante de 11.800 euros
A Xunta de Galicia vén de resolver as solicitudes de axudas económicas para participar nunha nova edición do programa Montaña en Familia da Consellería de Política Social. Así, o número de peticións aprobadas é de 68 e denegáronse 13 por non achegar a documentación requirida ou non axustarse ás condicións desta convocatoria dirixida a familias numerosas cuxa renda per cápita non supere os 10.500 euros anuais.
A contía das achegas posta a disposición das familias ascende a 11.800 euros, o que permitirá aos beneficiarios gozar por un prezo reducido de estadías completas de fin de semana no Parque Natural Manzaneda – Estación de Montaña. Esta axuda ascende a 35 euros por persoa e estadía para nenos e nenas de 12 anos ou máis e adultos, e en 35,7 euros para os menores de 12 anos.
O programa Montaña en Familia forma parte da Estratexia de Apoio ás Familias Numerosas de Galicia. En concreto, enmárcase no obxectivo de potenciar o desenvolvemento sociocultural e a calidade de vida dos nenos/as, das familias e dos seus membros mediante iniciativas como as vacacións interxeracionais, dentro da que se encontra este programa.
- Te recomendamos -