Na actualidade están en funcionamento 18 equipos comarcais de inclusión socio-laboral, máis o que opera no módulo “Nelson Mandela” da prisión de Teixeiro
Un grupo de 15 persoas, que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, asisten desde o pasado 19 de novembro a un curso de elaboración de produtos vexetais, que se desenvolve no concello de Ames.
Esta formación, que se imparte en horario de mañá na sala de usos múltiples do Centro de Formación Ocupacional de Aldea Nova, organizada polo equipo comarcal de inclusión socio-laboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en Ames, rematará o próximo 18 de decembro. O curso terá unha duración total de 90 horas, repartidas entre clases teóricas e prácticas.
Esta actuación ten como obxectivo primordial favorecer a inserción laboral, a través dunha capacitación que aumente as competencias profesionais dos participantes, de tal xeito que posteriormente poidan desenvolver unha profesión e ingresar de novo no mercado laboral.
Os contidos desta formación xiran en torno á elaboración industrial e artesanal de produtos e conservas vexetais, explorando os métodos de conservación de alimentos e as operacións básicas para o correcto mantemento de maquinaria e equipos; selección e acondicionamento de materias primas; solucións e preparacións de estabilizantes, conservantes e acompañantes; elaboración de produtos compostos como marmeladas, salsas, purés, zumes, cítricos ou néctares, entre outros; pratos precociñados e cociñados con base vexetal, técnicas culinarias e cambios nutricionais; e manipulación de vexetais de cuarta gama.
A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con 18 equipos comarcais de inclusión socio-laboral, noutras tantas oficinas distribuídas por toda Galicia. A eles súmase o equipo de inclusión que opera no módulo 1 do centro penal de Teixeiro, con internos que están a piques de obter a liberdade, no marco do programa Nelson Mandela.
- Te recomendamos -