Inicio Galicia A Xunta reúne a empresas, decisores e profesionais do deseño nun encontro...

A Xunta reúne a empresas, decisores e profesionais do deseño nun encontro para compartir boas prácticas a nivel europeo

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria pecha en Ferrol con este gran evento as actividades de 2018 do Programa de Deseño para a Innovación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria cita o vindeiro 11 de decembro a profesionais do deseño, empresas e decisores públicos no encontro europeo Políticas públicas e boas prácticas empresariais de deseño para a innovación. O evento, que terá lugar no CIS Galicia (Ferrol), combinará os relatorios de representantes do sector a nivel europeo e de pemes galegas que incorporan o deseño como ferramenta estratéxica coa inauguración dunha mostra que percorre os principais fitos do deseño industrial en Galicia ao longo da historia. A apertura da exposición, titulada Galicia. O deseño como motor, acompañarase da presentación dunha publicación co mesmo título, tamén promovida pola Xunta de Galicia.

Este encontro pecha as actividades organizadas pola Axencia Galega de Innovación (Gain) en 2018 no marco do seu Programa de Deseño para a Innovación e dos proxectos europeos Design4Innovation e User-Factor –iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area–, que comparten o obxectivo de crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

O evento de decembro busca o intercambio de coñecemento e de experiencias sobre políticas públicas e boas prácticas empresariais no impulso do deseño como motor de innovación, activos de gran valor para Galicia neste momento, no que a Xunta está a poñer en marcha unha estratexia específica neste eido.

A inscrición está aberta para os/as deseñadores/as de todos os ámbitos, estudantes desta especialidade, representantes de empresas interesadas no deseño como panca da competitividade e profesionais de entidades públicas con competencias sobre innovación.

Os asistentes terán ocasión de coñecer a Porto Design Biennale como exemplo de boas prácticas de políticas públicas de deseño para a innovación desenvolvidas en Portugal. Esta dimensión internacional seguirá coa análise do papel das asociacións europeas de deseñadores sobre as políticas de innovación da UE, que se completará coa perspectiva das asociacións española e galega.

No eido das boas prácticas empresariais, varias compañías galegas líderes nos seus sectores –Estrella Galicia, Finsa, Selmark, Tattoo Contract, Pazo de Vilane e D-due– expoñerán como se converteron tamén en referentes na aplicación do deseño como ferramenta estratéxica de competitividade. Como casos de éxito, os estudios Desescribir, Desoños e Cenlitrosmetrocadrado, premiados na últimas edicións dos premios Paraugas, do Clúster de Comunicación Gráfica, darán a coñecer os seus proxectos.

Programa e inscrición en:http://gain.xunta.gal/eventos/251/encontro+politicas+publicas+boas+practicas+empresariais+deseno+innovacion. 


- Te recomendamos -