Inicio Galicia Balseiro subliña ?a importante aposta pola modernización? de Pescados Rubén, unha empresa...

Balseiro subliña ?a importante aposta pola modernización? de Pescados Rubén, unha empresa ?cun gran peso económico e social na mariña?

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo visitou a factoría, que recibiu achegas por importe de 554.000 euros da Consellería do Mar para colaborar coa mellora das instalacións


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe a “importante aposta pola modernización” que realizou Pescados Rubén, unha empresa -sinalou- que “ten un gran peso económico e social” para a comarca da Mariña.

Balseiro visitou a factoría situada en Nois, no municipio de Foz, para comprobar as recentes melloras realizadas, coas que colabora a Consellería do Mar achegando preto de 554.000 euros, pois o proxecto desta empresa lucense foi un dos seleccionados para acceder á liña de axudas convocada pola Xunta nesta materia.

A máis recente actuación supuxo a renovación de instalacións frigoríficas, co que a empresa mellora o proceso de transformación e consigue un notable aforro enerxético, dado que reduce case á metade o tempo necesario para acadar a temperatura óptima do peixe, achegando maior seguridade alimentaria e calidade ao produto final ao tempo que avanza nunha xestión máis sustentable e respectuosa co medio ambiente. Esta é unha das poucas empresas dedicada a esta actividade que dispón de tres liñas de secado e arrefriado de peixe.

O Goberno galego colabora con esta iniciativa a través das axudas da Consellería do Mar para facilitar o desenvolvemento das pemes do sector transformador dos produtos da pesca e a acuicultura. A achega alcanza os 461.000 euros unha vez estea resolta a tramitación do expediente administrativo.

Esta orde ten por obxecto favorecer investimentos que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Para elo, financia intervencións que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos; melloren a seguridade, a hixiene e a saúde e as condicións de traballo; ou dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización, entre outros obxectivos.

A Consellería do Mar tamén achegou 92.500 euros a Pescados Rubén para a innovación do sistema de trazabilidade e o desenvolvemento dunha nova liña de produción, neste caso a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.

Balseiro destacou que “o sector transformador dos produtos da pesca e da acuicultura é estratéxico no tecido produtivo de Galicia, en concreto en comarcas como a da Mariña”. En referencia a Pescados Rubén, sinalou que “é unha satisfacción comprobar que se consolidan e medran empresas como esta, que teñen un importante peso económico pero tamén un destacado papel social”.

Ao respecto, gabou a implicación desta empresa no tecido social da Mariña, especialmente no plano deportivo. “É sobradamente coñecido o patrocinio de Pescados Rubén ao Burela Fútbol Sala, unha alianza que ven reportando moitas alegrías aos mariñáns e á provincia de Lugo en xeral”, afirmou. 


- Te recomendamos -